A Deputación supervisa en Vilanova de Arousa as obras de mellora da mobilidade peonil na estrada provincial de Baión e das Sinas, cun investimento de máis de 1,1 millóns de euros

A deputada de Infraestruturas, Belén Cachafeiro, percorreu xunto co alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, e o tenente de alcalde e tamén deputado provincial, Javier Tourís, a estrada de Baión, en execución, e a mellora nas Sinas, xa rematada

28/04/2026

A Deputación supervisa en Vilanova de Arousa as obras de mellora da mobilidade peonil na estrada provincial de Baión e das Sinas, cun investimento de máis de 1,1 millóns de euros

A Deputación supervisa en Vilanova de Arousa as obras de mellora da mobilidade peonil na estrada de Baión e na das Sinas, onde se está a investir máis de 1,1 millóns de euros. A deputada de Infraestruturas, Belén Cachafeiro, percorreu xunto co alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, e o tenente de alcalde e tamén deputado provincial, Javier Tourís, a mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-9701 Baión-András, en plena execución e cun investimento de preto dun millón de euros, e as obras de accesibilidade, mellora peonil e drenaxe na EP-9702 As Sinas-Vilanova de Arousa, xa rematadas e ás que se dirixiron preto de 122.000 euros.

No caso da estrada de Baión, tal e como explicou a deputada, a actuación abrangue os primeiros 560 metros da estrada. Nestes momentos, segundo detallou, realizáronse xa os traballos de movemento de terras e de colocación das redes soterradas e proximamente comezarán a executarse os muros de contención para o ensanche da plataforma. Trátase dunha estrada cun elevado tránsito de persoas, onde era necesario realizar unha mellora da mobilidade peonil a través da execución dunha senda peonil de formigón coloreado nos primeiros 500 metros e na marxe esquerda da estrada. Ademais, no seguintes 60 metros, e debido á imposibilidade de segregar os espazos entre peóns e vehículos motorizados ao haber edificacións nas marxes da estrada, executarase unha zona de convivencia de preferencia peonil tamén en formigón coloreado. Completa a actuación a renovación da rede de drenaxe, novo alumeado led, nova sinalización horizontal e vertical e a execución de nove muros para acadar o ancho da plataforma desexado.

Pola súa banda, as obras de accesibilidade, mellora peonil e drenaxe na estrada provincial EP-9702 As Sinas-Vilanova de Arousa están xa rematadas. Neste caso, tal e como debullou a deputada da Infraestruturas, Belén Cachafeiro, as obras contemplaron dúas actuacións: nun tramo (entre os puntos quilométricos 2+750 e o 3+000) demoleuse a beirarrúa instalando unha nova de formigón e substituíronse as pilastras da varanda para protexer aos peóns de posibles caídas, e noutro (entre os puntos quilométricos 0+800 e 1+280) executáronse cunetas de seguridade para mellorar a drenaxe e xerar espazos adicionais tanto para reconducir a traxectoria de vehículos en caso de saída como para transitar os peóns.

Preto de 4 millóns de euros para mellorar estradas provinciais en Vilanova de Arousa

A Deputación de Pontevedra investiu nestes case tres anos de goberno preto de 4 millóns de euros en melloras en estradas provinciais ao seu paso por Vilanova de Arousa. Ademais destas dúas actuacións que se visitaron hoxe, a través dos acordos marcos de conservación de firmes e de execución de cunetas de seguridade dirixíronse preto de 450.000 € a melloras en vías provinciais da localidade.

Pola súa banda, na EP-9702 que une As Sinas con Vilanova de Arousa, ademais das obras de accesibilidade, mellora peonil e drenaxe que acaba de visitar a deputada provincial, tamén se realizaron obras de mellora da seguridade viaria, reparouse un muro de contención e a cimentación doutro, cun investimento global de preto de 715.000 €.

Ademais, na EP-9703 Vilanova de Arousa-Ponte Arnelas, investiuse preto de 160.000 € para mellorar a súa seguridade viaria e a drenaxe lonxitudinal e completan as melloras en estradas provinciais da vila dúas obras que están en contratación: a mellora da seguridade viaria na EP-9703 Vilanova de Arousa-Pontearnelas e na EP-9701 Baión-András, cun orzamento de licitación de preto de 1,3 millóns de euros, e a mellora da mobilidade peonil na EP-9704 Igrexa de Caleiro, cun orzamento de licitación de máis de 81.000 euros.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.