A Deputación leva este sábado a Pontecesures e á Illa de Arousa o circuíto +Escénicas con dous espectáculos para todos os públicos
“A tarabela ambulante: Idea”, de Tarabela Creativa, representarase no Centro Social de Pontecesures ás 19:00 horas, e “Limpa limpa”, de Expresión Producións, no Auditorio municipal da Illa de Arousa ás 20:00 horas
01/01/2026
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 3 de xaneiro o circuíto +Escénicas ao concello de Pontecesures coa obra “A tarabela ambulante”, a cargo de Tarabela Creativa, e ao concello da Illa de Arousa co espectáculo “Limpa limpa”, de Expresión Producións. Trátase de dúas actuacións enmarcadas na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
“A tarabela ambulante: Idea” representarase ás 19:00 horas no Centro Social de Pontecesures, e trátase dunha obra sobre o poder da imaxinación dirixido a un público familiar e infantil a partir dos catro anos. A montaxe teatral amosará aos espectadores de Pontecesures como o aburrimento, ao que se lle pecharon as portas na actualidade coa proliferación das pantallas e xogos electrónicos, é un ben necesario para a educación dos nenos e das nenas. Para Tarabela Creativa, o aburrimento é o caldo de cultivo para a creatividade da rapazada e para que aprendan a estar consigo mesmos como forza motora e social.
“Limpa limpa” representarase ás 20:00 horas no Auditorio municipal da Illa de Arousa, e propón un espectáculo de teatro para gozar en familia no que destaca o seu gran dinamismo, xestualidade e bo humor. A función transforma o mundo laboral nun universo único de xogo, comedia, diversión e creatividade. O público da Illa de Arousa integrarase no espectáculo saíndo renovado e eufórico, e con el desfrutarán tanto crianzas como maiores.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.