A Deputación leva este mércores a Fornelos de Montes Aventúrate, un espectáculo familiar enmarcado na nova edición do circuíto provincial +Escénicas
“Aventúrate”, de Expresión Producións, representarase o mércores 6 de maio no CEIP Doutor Suárez a partir das 11:30 horas
04/05/2026
A Deputación de Pontevedra leva este mércores 6 de maio a Fornelos de Montes unha nova edición do circuíto +Escénicas, unha iniciativa da institución provincial que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Nesta ocasión, trátase do espectáculo familiar “Aventúrate”, a cargo da compañía Expresión Producións, que se representará no CEIP Doutor Suárez a partir das 11:30 horas.
“Aventúrate” é un espectáculo cheo de emoción, imaxinación e participación. Trátase dunha viaxe sorprendente onde os monicreques cobran vida, a maxia aparece cando menos o agardas e o teatro convértese nunha auténtica aventura compartida. Con animación constante, humor fresco e cancións que convidan a cantar e soñar, o público forma parte da historia neste espectáculo dinámico, divertido e educativo, cheo de entretemento e contido de calidade, con sentido e valores.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira e da segunda edición, a institución provincial volve programar un novo ciclo desta iniciativa, que medrou o seu orzamento nun 36% desde a súa posta en marcha, contando nesta anualidade con 204.000 euros. Cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.