A Deputación leva este sábado a Barro o espectáculo familiar Tavole no marco do circuíto +Escénicas
A función, a cargo de Circo Chosco, terá lugar no Pazo de Crega ás 12:00 horas
23/09/2026
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 26 de setembro a Barro Tavole, un espectáculo de circo e acrobacias enmarcado na programación do circuíto +Escénicas, co que a institución provincial apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes. A función, de Circo Chosco, terá lugar a partir das 12:00 horas no Pazo de Crega.
Tavole é un espectáculo que xira en torno a dous personaxes, un ritmo vertixinoso e un montón de mesas, que os levará a situacións tan cotiás como surrealistas onde aparece a acrobacia, as técnicas aéreas, a maxia e o humor. Unha tola e divertida aventura representada por Ariñe Azkue e Óscar Páez para todos os públicos na que o circo aparece de forma disparatada, a acrobacia, o risco e a sorpresa están presentes, e onde o público será partícipe do xogo para que todo saia ben.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai preto de 20 anos. Tralo éxito da primeira e da segunda edición, a institución provincial volve programar un novo ciclo desta iniciativa, que medrou o seu orzamento nun 36% desde a súa posta en marcha ata situarse en 204.000 euros. Cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.
