A Deputación enche este sábado de cultura a área de Pontevedra con tres actuacións dos programas +Escénicas e +Música
Cuntis acollerá o espectáculo de maxia “Flash” de Dani García, e Poio un monólogo de David Amor, “Love está no aire”, no marco do programa de teatro e danza +Escénicas
12/08/2026
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 15 de agosto aos concellos de Cuntis e Poio unha intensa programación cultural a través dos seus circuítos +Música e +Escénicas. En Cuntis terán lugar un espectáculo de maxia infantil e, xa pola noite, un concerto musical, mentres que en Poio, concretamente en Raxó, o público poderá asistir a un monólogo humorístico a cargo de David Amor. As actuacións de Cuntis forman parte da programación das festas patronais do municipio.
As actuacións deste sábado comezarán en Cuntis, ás 18:00 horas na Praza de Ferrol, co espectáculo “Flash!” do mago Dani García, financiado con cargo ao +Escénicas. Un fotógrafo ambulante de fai máis dun século prepárase para un día de traballo, coa súa vella cámara de fol e maletas cheas de segredos. Pero os obxectos cobran vida, as imaxes rebélanse, o tempo estírase e dóbrase, e cada fotografía convértese nunha pequena aventura. O espectáculo desenvólvese como unha sucesión de escenas nas que a maxia, o humor e o teatro xestual se mesturan coa participación do público, especialmente das nenas e nenos.
Pola noite, a partir das 22:30 horas, a Praza da Constitución acolle o concerto de Artística e a Banda dos 80 financiado no marco do +Música. Juan Collazo, Antonio Ocampo, Santiago Salvador, Serxio Payares, Marcos Taboada e Manuel Varela forman este grupo de nova creación, composto por unha escolma de músicos profesionais de bandas de música, licenciados en música clásica e Jazz. A banda ofrecerá un espectáculo con arranxos e pezas orixinais de Serxio Lafasil e Adrián Saavedra que os levará polo continente europeo, con actuacións no Amsterdam PPP Hall e o Museo Speelklok, en Utrecht (Países Baixos).
En Poio, concretamente no Porto de Raxó, a Deputación financia a actuación que ofrecerá David Amor, o monólogo “Love está no aire”. Nel, o cómico fala das súas novas inquietudes sen deixar de lado a súa paixón polos aeroportos. David pensaba que non podería escribir un novo show se estaba todo o día vendo a televisión, pero decatouse de que hai programas que necesitan ser contados. Este espectáculo tamén nace da necesidade: tras gañar o premio do público do Festival Internacional de Teatro de Villanueva de la Serena, o galardón consistía en volver actuar na seguinte edición cun espectáculo novo.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai preto de 20 anos. Tralo éxito da primeira e da segunda edición, a institución provincial volve programar un novo ciclo desta iniciativa, que medrou o seu orzamento nun 36% desde a súa posta en marcha ata situarse en 204.000 euros. Cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.
+Música organiza este ano un total de 93 actuacións musicais entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.