A Deputación esgota en minutos todas as prazas para participar nas rutas de xullo do programa provincial +Bosques

Os dezaseis percorridos terán lugar os sábados e domingos do mes, desde o domingo 4 de xullo ata o 26, en ambos casos no Pazo de Lourizán (Pontevedra)

23/06/2026

A Deputación de Pontevedra esgotou en cuestión de minutos as 240 prazas dispoñibles para participar nas actividades de xullo do programa +Bosques, trala apertura do prazo este martes ás 9:00 horas da mañá. Esta iniciativa, que promove o contacto directo coa natureza, permitirá ás persoas participantes (15 por quenda) gozar das vantaxes dos “baños de bosques” nun total de 16 percorridos que teñen lugar en sete espazos naturais de diferentes concellos da provincia.

Os percorridos do mes de xullo comezarán o día 4 e rematarán o 26, en ambos casos no Pazo de Lourizán (Pontevedra). Ademais, o día 5 o programa desenvolverase na contorna do río Lérez (Pontevedra), o 11 en Barosa (Barro), o 12 na illa de Tambo (Poio), o 18 no río Maneses (O Campo Lameiro), o 19 nas fervenzas de Parafita e Raxoi (Valga) e o 25 en Carboeiro (Silleda).

Nesta edición de +Bosques, o programa chega a un total de sete espazos da costa e o interior da provincia que permitirán dar a coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Todas as rutas proporciona ás persoas participantes unha experiencia de conexión directa en e coa natureza. Promóvese a estimulación sensorial con exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia. O prazo para inscribirse nas próximas rutas, que terán lugar no mes de agosto, abre o 20 de xullo ás 9:00 horas. Estas saídas, ao igual que as do mes de setembro, poden consultarse no sitio web institucional.