A Deputación remata en Forcarei a execución de cunetas de seguridade na estrada provincial EP-7104 Cerdedo-Santo Domingo
A deputada Belén Cachafeiro recorreu esta actuación de seguridade viaria que acaba de ser rematada nun tramo que discorre por San Miguel de Presqueiras ao abeiro do acordo marco de cunetas na rede da Deputación, dotado con preto de 2 millóns de euros
06/05/2025
A Deputación de Pontevedra acaba de rematar a execución de cunetas de seguridade e obras de mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-7104 Cerdedo-Santo Domingo ao seu paso por San Miguel de Presqueiras, no Concello de Forcarei. A deputada de Infraestruturas Públicas e Mobilidade, Belén Cachafeiro, recorreu o tramo no que se desenvolveu a actuación ao abeiro do acordo marco de cunetas de seguridade na rede viaria da Deputación, que ascende a preto de 2 millóns de euros.
Segundo destacou Cachafeiro, as obras que se realizaron no Concello de Forcarei trátanse de operacións de mellora da seguridade viaria mediante a execución de cunetas na estrada provincial EP-7104 Cerdedo-Santo Domingo, nun tramo de 212 metros entre os puntos quilométricos 6+670 e o 7+000, ao seu paso por Riazón, na parroquia de San Miguel de Presqueiras. "Mediante estas cunetas de formigón armado - tal e como recordou a deputada- non só melloramos a drenaxe da estrada mediante a evacuación das augas pluviais, senón que se vai xerar un espazo transitable máis seguro para os peóns". A actuación en Forcarei contemplou a execución de cunetas de seguridade, a colocación de tubaxes para drenaxe, a execución de arquetas e o recrecido de pozos.
Belén Cachafeiro lembrou que esta é só unha das actuacións incluídas no acordo marco de obras de cunetas de seguridade na rede viaria da Deputación de Pontevedra, que ascende a 2 millóns de euros. Ao abeiro deste acordo marco, ademais da estrada provincial EP-7104 ao seu paso de Forcarei, na comarca de Terra de Montes e de Deza tamén se está a actuar en vías de Agolada (EP-6302 Berredo-Brántega e EP-6306 Agolada-Cruces), Cerdedo-Cotobade (EP-7103 Cerdedo-Castro- Quireza), Dozón (EP-6101 Bidueiros-Amedo, EP-6102 Castro-Dozón-O Irixo, EP-6104 O Castro-Dozón-Saa-A Rocha e EP-6107 Diz-Bidueiros-Amedo), A Estrada (EP-7006 O Sol-Pardemarín, EP-7011 A Pena do Foxo-Olives, EP-7016 A Estrada-Vinseiro-As Casetas, EP-7017 Callobre-Ponte Ledesma, EP- 7024 Olives-Sequeros e EP-7025 Arca-Nigoi), Lalín (EP-6005 Prado-Bolaño), Rodeiro (EP-6201 Rodeiro-Vilela e EP-6204 A Portela-Antas de Ulla), Silleda (EP-6504 Negreiros-Carboeiro, EP-6508 A Somoza-Escuadro e EP-6510 Lamela-Moalde-Senra) e Vila de Cruces (EP-6404 Ferreirós-Ollares).
