A Deputación leva ao Palacete das Mendoza a exposición “A segunda vida” de Joaquín Moldes

A mostra pictórica, na que o artista traballa ademais con materiais reciclados, poderá visitarse na sede de Turismo Rías Baixas entre o 24 de marzo e o 12 de abril

19/03/2026

A Deputación de Pontevedra abre ao público o próximo martes 24 de marzo a exposición “A segunda vida”, do pintor sanxenxino Joaquín Moldes. Na mostra, que se poderá visitar no Palacete das Mendoza ata o 12 de abril, o artista convida aos espectadores a deterse e mirar máis aló do evidente, un traballo para o que emprega materiais reciclados para darlle “unha nova existencia a aquilo que parecía esgotado.

Joaquín Moldes reflexiona en “A segunda vida” sobre os mundos paralelos que nos rodean e, a través de pinturas e esculturas, constrúe un universo simbólico no que os rostros, os corpos fragmentados e as figuras en tensión falan da dor colectiva, da identidade e tamén da resistencia. Porque, en palabras do artista “sempre é posible unha segunda vida: na materia, na memoria e en nós mesmos”.

A exposición “A segunda vida”, que acollerá a partir do vindeiro martes 24 a sala de exposicións do Palacete das Mendoza, pode visitarse ata o 12 de abril no horario habitual da sede de Turismo Rías Baixas: de luns a venres de 9:00 a 20:00 horas, os sábados e festivos de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, e os domingos de 10:00 a 14:00 horas.