A Deputación revalida o seu apoio á Festa da Auga de Vilagarcía de Arousa co espectáculo musical “Hijo de la Luna”

A institución provincial achega 6.000 euros ao concello de Vilagarcía de Arousa para financiar esta actividade, que terá lugar o próximo 12 de agosto

14/06/2023

A Deputación de Pontevedra vén de revalidar o seu apoio á Festa da Auga de Vilagarcía de Arousa, integrada nas festas patronais de San Roque, achegando ao concello 6.000 euros para o financiamento da actuación musical “Hijo de la Luna”, a cargo da compañía Espectáculos A Cantaruxa, que terá lugar o próximo 12 de agosto. Deste xeito, ambas as dúas institucións xuntan os seus esforzos para impulsar accións en común dirixidas a mellorar o turismo da provincia, neste caso a través desta actuación musical, enmarcada na programación de actividades de animación nas rúas e concertos das Festas de San Roque, que consistirá nun espectáculo gratuíto de 75 minutos de duración.

A Festa da Auga de Vilagarcía de Arousa, declarada de Interese Nacional, trátase da gran festa da vila na que todos os anos se celebran, arredor do 16 de agosto, unha multitude de actividades entre as que salientan o pregón, o Festiclown, animación nas rúas e concertos, desfiles de carrozas ou o Combate Naval.

A Deputación, a través de Turismo Rías Baixas, ten un firme compromiso coas festas de interese turístico que se celebran na provincia de Pontevedra. Deste xeito, reciben apoio provincial tanto as festas declaradas de interese nacional (como a propia Festa da Auga de Vilagarcía de Arousa, a Festa do Marisco do Grove e a Reconquista de Vigo), como as internacionais (a Rapa das Bestas de Sabucedo, a Feira do Cocido de Lalín, a Arribada de Baiona, as alfombras florais do Corpus de Ponteareas, a Romaría Viquinga de Catoira, a Festa do Albariño de Cambados e a Festa da Lamprea de Arbo).

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.