“Habitarme”, o espectáculo de danza e teatro promovido pola Deputación e Igualarte, chega a Bueu e Cambados

O espectáculo, interpretado por persoas con diversidade funcional, poderá desfrutarse este sábado, 10 de xuño, ás 22.00 horas no Centro Social do Mar de Bueu e o domingo 11 ás 20.00 horas no Auditorio Municipal de Cambados

08/06/2023

O espectáculo de danza e teatro “HabitarMe”, promovido pola Deputación e a Fundación Igualarte, que desde o ano 2002 traballa para que as persoas con diversidade funcional poidan expresarse de maneira artística, chega esta fin de semana a Bueu e Cambados. Persoas da entidade que integral Al Lío, a compañía teatral ao abeiro da fundación, interpretarán este espectáculo o sábado, 10 de xuño, ás 22.00 horas no Centro Social do Mar de Bueu, e o domingo, 11, ás 20.00 horas no Auditorio Municipal de Cambados. A entrada é libre ata completar o aforo.

Al Lío é unha compañía de teatro, danza e expresión corporal que cuestiona a relación entre o corpo e a mente a través de historias da vida cotiá dende unha perspectiva feminista. Neste proxecto as súas integrantes interpretan “HabitarMe”, unha peza de danza-teatro que trata sobre mulleres diversas, ben habitadas, que fan, que cuestionan, que están incómodas, que optan por moverse da seguridade do preestablecido porque descobren que hai outras formas que as definen. A obra fala da dialéctica do non parar, non pensar, non sentir e de súpeto un crack, unha pausa, un alento máis longo do habitual, onde nacen as ganas. Dirixida por María Romano, a peza será interpretada por Helena Cuber, Eva García, Vanesa Lea e Carmen Gómez.

Tralo paso por Bueu e Cambados, “HabitarMe” continuará de xira ata o 25 de xuño percorrendo os concellos de Salceda de Caselas, Gondomar e Redondela. O domingo, 18 de xuño, o espectáculo desenvolverase no Auditorio Municipal de Salceda de Caselas, ás 20.00 horas, o sábado 24 no Auditorio Luis Tobío de Gondomar, tamén ás 20.00 horas, e o ciclo pecharase en Redondela o domingo 25, coa función no Auditorio Multiusos da Xunqueira ás 19.00 horas.