A Deputación de Pontevedra apaga as súas luces pola Hora do Planeta

A institución súmase á iniciativa da organización WWF para concienciar sobre a importancia da defensa do medio

22/03/2024

A Deputación de Pontevedra apagará este sábado 23 de marzo todas as luces do Pazo provincial, do Edificio Administrativo e da súa Sede de Vigo entre as 20:30 a 21:30 horas, con motivo da Hora do Planeta. Trátase dunha iniciativa da organización Fondo Mundial para a Natureza (WWF) que este ano ten como lema “Apaga a luz e dálle unha hora ao planeta”.

A Hora do Planeta é unha campaña para que entidades, cidadás e empresas apaguen as luces durante unha hora co fin de concienciar sobre a necesidade do aforro enerxético e a importancia de preservar o medio. Naceu en Sidney en 2007 e chegou ata 200 países. En España adoitan sumarse a esta iniciativa, todos os anos, máis de trescentas entidades locais e un centenar de empresas.

Máis alá do xesto de apagar as luces durante sesenta minutos, a Hora do Planeta trátase dunha das iniciativas medioambientais de maior alcance do mundo. No marco da campaña, a WWF convida tamén a sumarlle horas ao coidado do planeta baixo a acción “Banco de horas polo planeta”, coa que pretende animar a cidadanía a realizar actividades sostibles.