A Deputación tingue o seu Pazo provincial de amarelo con motivo do Día Mundial da Endometriose

A institución súmase á iniciativa promovida por querENDO coa iluminación do pazo entre este xoves e venres

12/03/2024

A Deputación de Pontevedra tinguirá de amarelo o seu Pazo provincial desde este xoves 14 ata a mañá do venres 15 de marzo ao abeiro da conmemoración do Día Mundial da Endometriose. Deste xeito, a institución súmase ás reivindicacións de querENDO, Mulleres con Endometriose,  para conmemorar esta data e darlles visibilidade a todas aquelas que a padecen.

O Día Mundial da Endometriose celébrase o 14 de marzo co obxectivo de informar o conxunto da sociedade sobre os síntomas da enfermidade, a súa diagnose e os diferentes tratamentos existentes. Trátase dunha patoloxía de causa descoñecida que consiste no crecemento de tecido endometrial fóra do útero e que pode producir fortes dores.

A asociación querENDO actúa no ámbito galego co fin de axudar as mulleres con endometriose e promover tanto a investigación sobre a enfermidade coma a colaboración coas distintas administracións públicas. Estipúlase que Galicia conta con preto de 60.000 afectadas con esta enfermidade crónica e debilitante. O aumento da concienciación sobre esta doenza está a facilitar a súa detección precoz, aínda que, de media, tárdanse entre 8 e 10 anos en diagnosticala despois dos primeiros síntomas.