A Deputación ilumina este xoves o Pazo provincial de turquesa con motivo do Día Internacional da Dislexia

A institución súmase á iniciativa promovida pola Organización Internacional Dislexia y Familia (DISFAM), que se celebra o 8 de outubro

05/10/2026

A Deputación de Pontevedra tinguirá de turquesa o Pazo provincial desde as 20:30 horas deste xoves 8 de outubro ata ás 7:30 horas da mañá do venres 9 ao abeiro da conmemoración do Día Internacional da Dislexia. A institución provincial súmase así á iniciativa promovida pola Organización Internacional Dislexia y Familia (DISFAM).

O Pazo provincial súmase con este xesto aos concellos, parlamentos, asembleas nacionais, senados e outras institucións de todo o mundo, que iluminan os seus edificios de cor turquesa como mostra de apoio á campaña internacional “Unidos pola Dislexia”. O obxectivo principal da iniciativa é dar visibilidade a este colectivo, ás persoas afectadas e ás súas familias.

A dislexia afecta ao 10 % da poboación mundial. Ademais, en moitas ocasións este trastorno da aprendizaxe é detectado de forma tardía, xa que se trata dun trastorno totalmente invisible. Por estes motivos, a dislexia é considerada a causa da gran maioría dos fracasos e abandonos na etapa escolar.