Luis López anuncia un investimento de máis de 2 millóns de euros para a iluminación monumental e paisaxística do Castelo de Soutomaior
Trátase dunha das actuacións incluídas no proxecto de mellora patrimonial do Castelo de Soutomaior, que ascende a máis de 2,5 M € e está financiado polo Plan de Recuperación
28/02/2025
Luis López anunciou en conferencia de prensa que a Deputación de Pontevedra acaba de dar luz verde ao proxecto para a iluminación monumental e paisaxística e a mellora da instalación eléctrica na parcela do Castelo de Soutomaior, cun orzamento de máis de 2 millóns de euros. Trátase dunha das actuacións incluídas no proxecto de mellora patrimonial do Castelo de Soutomaior, que ascende a máis de 2,5 millóns € e que está financiado con fondos do Plan de Recuperación, que inclúe outras propostas como a mellora da accesibilidade na Torre de Homenaxe ou a introdución de novas tecnoloxías de realidade virtual.
“O Castelo de Soutomaior e os seus xardíns son un referente patrimonial, cultural e turístico da nosa provincia e por iso seguimos traballando, para poñelo en valor e potencialo, manténdoo ademais en perfecto estado de conservación”, asegurou López. Deste xeito cos recursos que acaba de aprobar a Xunta de Goberno está previsto dotar ao recinto dunha nova iluminación ornamental, co obxectivo de trasladar á paisaxe nocturna a esencia da imaxe do castelo.
Ademais tamén se vai executar a reforma eléctrica e do alumeado no castelo e na parcela na que se atopa, co fin de ofrecer un espazo de calidade para os e as visitantes deste Ben de Interese Cultural e a súa contorna. A actuación contempla a renovación dunhas instalacións eléctricas obsoletas, a reforma do Centro de Transformación e a instalación dun novo grupo electróxeno e novos cadros eléctricos.
