A Deputación investirá 1,2 millóns de euros para financiar integramente a implantación dun novo modelo de recollida de residuos en Tomiño

O deputado provincial Roberto Carrero visitou hoxe o concello para anunciar que aos 900.000 euros xa comprometidos do Plan Extra para esta actuación vanse engadir outros 300.000 do +Provincia que se aprobarán este venres

07/05/2025

Roberto Carrero visitou hoxe o concello de Tomiño

O deputado provincial Roberto Carrero visitou hoxe Tomiño para anunciar que a Deputación de Pontevedra, cun investimento de 1,2 millóns de euros, financiará integramente a implantación dun novo modelo de recollida de residuos en Tomiño. Farao a través dos recursos do Plan Extra, para os que o organismo provincial comprometera xa 900.000 euros, e con 300.000 euros do +Provincia que serán aprobados este mesmo venres, tal e como adiantou o deputado.

Roberto Carrero deu conta dos traballos que se realizarán con estes recursos, que permitirán ao Concello de Tomiño financiar o proxecto de mellora da xestión dos residuos (separación, recollida e tratamento) para poñer en marcha un sistema máis eficiente, sostible e adaptado a un territorio con poboación dispersa e de carácter rural. Deste xeito, ampliarase a compostaxe descentralizada cun novo centro comunitario e a distribución de composteiros individuais para incrementar a xestión adecuada da fracción orgánica; modernizarase a recollida selectiva de vidro, papel e envases lixeiros con novos contedores; incorporarase unha análise territorial para identificar as características de cada área e adaptar o modelo ás necesidades; e poranse en marcha accións de sensibilización e educación ambiental.

O deputado provincial remarcou que esta actuación "é un exemplo da forma de actuar da Deputación de Pontevedra, co municipalismo como bandeira, escoitando aos concellos e dando resposta ás súas necesidades con plans como o Extra ou o +Provincia que nos están a permitir transformar as vilas e pobos, con actuacións transformadoras como a que hoxe anunciamos en Tomiño, que modernizan o territorio, melloran a calidade de vida da veciñanza e fan que esta provincia avance como nunca antes fixera".