Rafa Domínguez sitúa en 28 millóns o investimento da Deputación en Pontevedra en dous anos e avanza que “se incrementará moito nos dous seguintes”
Rafa Domínguez sitúa en 28 millóns o investimento da Deputación en Pontevedra en dous anos e avanza que “se incrementará moito nos dous seguintes”
17/09/2025
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, negou este mércores as acusacións de “discriminación” por parte do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ao cifrar o investimento da institución provincial na cidade de Pontevedra en 28 millóns de euros en só dous anos, “polo que nada de discriminación, senón unha aposta histórica pola cidade”. Ademais, o vicepresidente avanzou que “o gasto se incrementará moitísimo nos próximos dous anos” e acusou o rexedor de “non facer nin unha soa solicitude de suba do convenio, que se mantivo en 2,5 millóns de euros nos últimos dez anos, nos oito anos anteriores: só protesta agora con este goberno”.
Domínguez asegurou que “fomos absolutamente respectuosos coa autonomía do concello no convenio, e non hai a día de hoxe un só trámite que non tratásemos co máximo cariño, celeridade e dilixencia, sempre o fixemos de forma áxil e Lores sábeo”. No marco deste convenio dedicáronse 2,1 millóns ao campo de fútbol de Salcedo, 1,4 millóns á iluminación do barrio de Lérez, e tamén se financiaron actuacións como a reforma da casa consistorial. Ademais, a Deputación investiu 16,4 millóns no Museo de Pontevedra, 1,7 millóns na Bienal, 2,3 millóns nas infraestruturas provinciais e ouros 1,7 só na estrada Marco-Tomeza-Figueroa. Do mesmo xeito, “ante nefasta xestión do anterior goberno foi esta Deputación a que loitou para que Pontevedra non perdese o orzamento da vía de Mollabao e poida ser unha realidade”, afirmou Domínguez.
Como sinalou o vicepresidente provincial, “todo isto non ten en conta os enormes investimentos que van supoñer para a cidade o novo convento de Santa Clara, do que en breve daremos noticias e cun orzamento de 23 millóns; a reforma dos edificios centrais do Museo para o que estamos agardando o visto bo de Patrimonio e que está orzamentado en 12 millóns, ou o novo centro loxístico robotizado de patrimonio cultural que estará en Barro pero do que se beneficiará o Museo”. Ante todo isto, asegurou, “as acusacións son realmente falsas e inxustas, porque nesta Deputación tendemos pontes, sempre o fixemos e o seguiremos facendo en Pontevedra: somos a Deputación que máis investimento fixo na historia na cidade, non hai punto de comparación co goberno anterior e estou orgulloso do enorme traballo que estamos facendo para a miña cidade, pola que traballo e á que coido e protexo”.
Rafa Domínguez tamén desmentiu as acusacións de que a Deputación de Pontevedra non colaborou coa celebración dos Premios Feroz en Pontevedra. “Houbo un compromiso de 200.000 euros para a gala deste ano, anunciouse e levouse a cabo, da mesma forma que o Concello chegou a un acordo connosco para patrocinar con 200.000 euros a Bienal de Pontevedra”. Neste sentido, o vicepresidente sinalou que “foron os propios Lores e Mosquera quen dixeron que para non sobrecargar de traballo os servizos administrativos quedásemos a pre: cumprimos, e dicir que non houbo achega é faltar á verdade dunha forma grotesca”.
Ademais, o vicepresidente informou de que “xa lle transmitín persoalmente a Anabel Gulías que temos un compromiso de 300.000 euros para os Feroz 2026, e mesmo lle pedín un contacto para poñer en marcha o trámite administrativo e quedamos en que esta semana falarían os técnicos”. Polo tanto, “ou o alcalde quixo poñer exemplos ridículos, ou non fala co seu equipo de goberno”. Ademais, lembrou que “é certo que dixemos desde o primeiro momento que a achega ao tríatlon non ía ser de 500.000 euros, pero explicouse que era un enorme agravio comparativo dar esa cantidade a un só evento e fomos claros desde o principio”. Con todo, asegurou, “a achega é máis que relevante para un evento deportivo e vai fóra do convenio”.
O vicepresidente concluíu que “xamais na historia da Deputación se invertira tanto na cidade, nunca puxo tantos recursos para os pontevedreses cun investimento millonario”. Domínguez lembrou que “non imos quedar aquí, coa nova Bienal, o proxecto de Santa Clara, o proxecto dos edificios centrais, a senda de Tomeza, a rúa Doce de Novembro, as obras de Mollabao ou a futura vía verde que atravesará a nosa cidade”. “Esta Deputación, da man de Luis López, estao a facer magnificamente ben: sabemos xestionar, solucionamos problemas, falamos con todo o mundo, sacamos adiante unha Bienal internacional coa complexidade que ten iso”, sinalou Rafa Domínguez, que asegurou que “desde as miñas responsabilidades defendín, defendo e defenderei a miña cidade por enriba de todo, e unha das miñas maiores responsabilidades é que Pontevedra nunca tivera tanto investimento por parte da Deputación”.
