Jorge Cubela preside a Comisión de Seguimento da cesión de parcelas da Finca Mouriscade ao Concello de Lalín

10/04/2024

Jorge Cubela preside a Comisión de Seguimento da Finca Mouriscade

O deputado provincial de Reto Demográfico e Desenvolvemento Rural, Jorge Cubela, presidiu xunto coa tenente alcalde do Concello de Lalín, María Pérez, a Comisión de Seguimento da cesión gratuíta á capital de Deza de varias parcelas da Finca Mouriscade. A través desta comisión, que acaba de constituírse esta mañá no Concello de Lalín, daráselle seguimento ao acordo unánime do Pleno provincial mediante o que a vila recibe máis de 115.000 m2 para executar durante trinta anos o futuro Espazo Mouriscade, que estará composto por dous centros: un expositivo vinculado ao rural e ao sector agrogandeiro, e outro agroturístico para impulsar unha zona de "turismo de tranquilidade".

Ademais, no marco desta cesión, ampliaranse as instalacións e a oferta de actividades da área recreativa e de ocio lindeira co río Asneiro (nas que se atopan o albergue xuvenil Vicente Agulló, o Club Hípico Juan Oliveira e o centro ocupacional de Aspadeza), e tamén a plataforma da estrada municipal que lles dá acceso ás edificacións, que alcanzará os 8 m de ancho.