A Deputación abre este venres o prazo de inscrición nas saídas do programa Lecer en familia

Poderán participar preto de 3.000 persoas da provincia entre o último trimestre de 2025 e o primeiro de 2026, beneficiándose de estancias en establecementos hoteleiros da provincia e actividades socioculturais

01/05/2025

A Deputación de Pontevedra abre este venres 2 de maio o prazo de inscrición na segunda edición do programa Lecer en Familia, que volverá posibilitar estadías en establecementos hostaleiros da provincia para reforzar os lazos familiares pasando tempo de calidade. A institución provincial oferta preto de 3.000 prazas para estas saídas, que se realizarán no último trimestre do ano ou no primeiro trimestre de 2026. O prazo de inscrición estará aberto ata o próximo 16 de maio.

Poden solicitar as saídas de Lecer en familia aquelas unidades familiares con menores ao seu cargo que teñan residencia na provincia de Pontevedra. A Deputación ofertará estancias dunha noite de venres ou sábado, períodos non lectivos ou vésperas de festivos en hoteis da provincia de Pontevedra de tipo balneario, talaso ou spa, e hoteis de zonas urbanas ou rurais, en réxime de media pensión: Hotel Nuevo Astur & Spa (Vilalonga, Sanxenxo), Hotel Carlos I Silgar (Sanxenxo), Gran Talaso Hotel Sanxenxo, Hotel Bienestar Moaña, Hotel Rías Baixas (Pontevedra), Hotel Coia (Vigo), Hotel Sercotel Tres Luces (Vigo), Hotel Pazo O Rial (Vilagarcía de Arousa), Hotel Alda Carril (Vilagarcía), Hotel Castelao (Vilagarcía), Hotel Bahía (Baiona) e Hotel Pontiñas (Lalín).

Das case 3.000 prazas ofertadas 50 serán en réxime especial, subvencionadas ao 100% con preto de 100 €, e as 2.900 de réxime xeral estarán subvencionadas do seguinte xeito: 60 € para maiores de 12 anos, 30 € para cativos de 3 a 12 anos e ao 100% para os menores de 3 anos. Ademais, cada establecemento hoteleiro participante en Lecer en familia levará parellas unha serie de actividades complementarias que poderán realizar as familias (pódense consultar no seguinte catálogo), así como un concurso de fotografía no que o premio será unha estancia gratuíta nalgún dos aloxamentos participantes. O ano pasado participaron preto de mil familias, 2.956 persoas de 52 concellos da provincia.

O obxectivo de Lecer en familia é promover o tempo de calidade en familia, apoiar a convivencia e fomentar o seu benestar físico e mental, así como proporcionar unha opción de lecer que contribúa a mellorar de forma global a súa calidade de vida. Ademais, con esta iniciativa a Deputación tamén está a dinamizar a economía da provincia impulsando a creación e mantemento de postos de traballos no sector turístico durante os períodos de menor actividade, desestacionalizando a demanda. O orzamento total para este programa é de 280.000 euros, dos que a Deputación achega 180.000.

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.