A Deputación lanza a segunda edición do programa Lecer en Familia con preto de 3.000 prazas para reforzar os lazos familiares

O programa conta cun orzamento total de 280.000 € e o prazo de inscrición estará aberto entre os días 2 e 16 de maio

24/04/2025

A Deputación de Pontevedra lanza a segunda edición do programa Lecer en Familia que volverá posibilitar estadías en establecementos hostaleiros da provincia para reforzar os lazos familiares pasando tempo de calidade. A institución provincial ofertará preto de 3.000 prazas para estas saídas que terán lugar no último trimestre do ano ou no primeiro trimestre de 2026. O orzamento total para este programa é de 280.000 euros, dos que a Deputación achega 180.000. As bases xa están dispoñibles no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e o prazo de inscrición comezará o próximo 2 de maio, permanecendo aberto ata o venres 16.

Poderanse beneficiar de Lecer en familia as unidades familiares con menores ao seu cargo que teñan residencia na provincia de Pontevedra. A Deputación ofertará estancias dunha noite de venres ou sábado, períodos non lectivos ou vésperas de festivos en hoteis da provincia de Pontevedra que, como mínimo, sexa de 3 estrelas: establecementos hoteleiros de tipo balneario, talaso ou spa, e hoteis de zonas urbanas ou rurais, en réxime de media pensión.

Das case 3.000 prazas ofertadas 50 serán en réxime especial, subvencionadas ao 100% con preto de 100 €, e as outras 2.900 de réxime xeral estarán subvencionadas do seguinte xeito: 60 € para maiores de 12 anos, 30 € para cativos de 3 a 12 anos e ao 100% para os menores de 3 anos. Ademais, cada establecemento hoteleiro participante en Lecer en familia levará parellas unha serie de actividades complementarias que poderán realizar as familias, así como un concurso de fotografía no que o premio será unha estancia gratuíta nalgún dos aloxamentos participantes. O ano pasado participaron preto de mil familias, 2.956 persoas de 52 concellos da provincia.

O obxectivo deste programa é promover o tempo de calidade en familia, apoiar a convivencia e fomentar o seu benestar físico e mental, así como proporcionar unha opción de lecer que contribúa a mellorar de forma global a súa calidade de vida. Ademais, con esta iniciativa a Deputación tamén está a dinamizar a economía da provincia impulsando a creación e mantemento de postos de traballos no sector turístico durante os períodos de menor actividade, desestacionalizando a demanda.

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.