Luis López confirma a participación de 26 concellos en Baixo o ceo das Rías Baixas para promover as eclipses solares que se observarán na provincia

A Deputación posicionará as Rías Baixas como destino astroturístico de forma estratéxica, máis aló destes episodios a medio prazo, cun pioneiro programa que creará unha rede provincial de puntos e impulsará quedadas de observación por todo o territorio provincial

13/02/2026

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou este venres de importantes novidades no marco do pioneiro produto turístico Baixo o ceo das Rías Baixas, deseñado co gallo das tres eclipses solares que se poderán observar desde a provincia no período 2026-2028. “A día de hoxe podemos confirmar que 26 concellos xa amosaron a súa dispoñibilidade para participar nesta iniciativa, 26 municipios moi interesados e que xa achegaron información clave para o desenvolvemento deste evento, sinalou o presidente provincial.

Luis López asegurou que “non serán os únicos, xa que seguimos avanzando nas conversas co resto de concellos para conseguir que a resposta, que xa é moi prometedora, sexa aínda maior”. O presidente da Deputación asegurou que “estamos moi orgullosos deste programa pioneiro, porque por moito que se estea a falar da eclipse e da situación privilexiada que temos como mellor lugar do mundo para observar o fenómeno, ninguén dera pasos para crear un produto concreto”. Baixo o ceo das Rías Baixas é, polo tanto, a resposta a unha oportunidade de crear un produto turístico experiencial e divulgativo co que situar a provincia como destino de referencia en astroturismo.

“Imos dar pulo a esta forma de facer turismo cunha proposta estruturada para converter o ceo das Rías Baixas nun produto turístico estable, á marxe destas accións puntuais das tres eclipses previstas”, sinalou Luis López, que lembrou os pasos dos que se compón o produto. En primeiro lugar, crearase unha rede de puntos de observación, ao que lle seguirá a promoción de quedadas de observación nestes enclaves. Serán experiencias compartidas, divulgativas, accesibles e non especializadas, para que poida asistir toda a veciñanza e visitantes. A Deputación encargarase tamén de distribuír un kit de observación (gafas homologadas e material divulgativo) a través da rede Info Rías Baixas, e coordinará unha campaña de promoción conxunta.

“Seguimos impulsando a sostibilidade e a diversificación das Rías Baixas, que como todos sabedes é A nosa Meta, o noso Destino”, concluíu Luis López, cun produto que obedece a unha aposta estratéxica e que supón o inicio dunha serie de actividades arredor da eclipse solar do 12 de agosto. Estas accións están concibidas para poñer en valor o potencial da provincia como destino Starlight e para reforzar a colaboración cos concellos da provincia en materia turística.

videos

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.