Luis López anuncia un novo paso adiante no proxecto da Vía Verde co inicio da licitación dun estudo para deseñar o trazado do itinerario entre Pontevedra e Arcade
O presidente provincial reafirma o compromiso da Deputación para liderar un proxecto estratéxico para a provincia e recalca o seu chamamento a impulsalo desde o consenso institucional
06/06/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anuncia o inicio do proceso de licitación dun estudo de viabilidade para o trazado do percorrido da futura vía verde entre Pontevedra e Soutomaior. Na conferencia de prensa posterior á Xunta de Goberno deste venres, o mandatario provincial reafirmou o compromiso da Deputación para liderar o proxecto para completar este itinerario peonil estratéxico para a provincia. "Sacamos a licitación un estudo que contemple todos os puntos a ter en conta nese proxecto para construír unha vía verde entre Pontevedra e Arcade e tamén co obxectivo claro de unir Vilagarcía e Vigo", expuxo López.
Un anuncio que se enmarca na resposta recibida polo Ministerio de Transportes esta mesma semana á misiva enviada no mes de abril á esta Administración por parte do presidente provincial. Un escrito no que a Deputación expresaba o seu compromiso para liderar a execución deste proxecto e para consultar tamén a posibilidade da cesión das vías de tren en desuso para construír unha vía verde nestes treitos. O Ministerio, na súa resposta, deu o seu visto bo á cesión temporal deses terreos e "nós, automaticamente, sacamos a licitación este estudo", informou o presidente á preguntas dos periodistas.
Finalmente, Luis López fai fincapé na intención do goberno provincial de seguir impulsando un proxecto no que abre á porta á colaboración de todas as administracións implicadas para que a Vía Vedrde entre Vilagarcía e Vigo sexa unha realidade no menor tempo posible. "Queremos ser áxiles e queremos seguir facéndoo desde a unidade e o consenso institucional porque isto é un proxecto de provincia", conclúe o presidente provincial.
