Luis López informa ao piloto Christian Costoya do estudo impulsado pola Deputación para analizar a viabilidade dun circuíto de velocidade na provincia

O presidente recibe no Pazo provincial á promesa do automobilismo, veciño de Silleda, como invitado do terceiro episodio do pódcast da Deputación Minutos Extra

14/11/2026

Luis López informa ao piloto Christian Costoya do estudo impulsado pola Deputación para analizar a viabilidade dun circuíto de velocidade na provincia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, revela a Christian Costoya, promesa do automobilismo e veciño de Silleda, os plans da Administración provincial para a redacción dun estudo de viabilidade para a construción dun circuíto de velocidade na provincia. O Orzamento da Deputación para o vindeiro ano reserva unha partida de 100.000 euros para elaborar un informe que determine se é posible construír unha infraestrutura deportiva destas características e cales serían as localizacións máis acaídas dentro da provincia.

“Por primeira vez na historia desta institución vanse reservar 100.000 euros par o estudo dun circuíto de velocidade que queremos implantar na provincia de Pontevedra. Vainos definir cales son as localizacións idóneas en base a criterios profesionais. E encantaríanos que ti puideras correr na casa, moito máis na Fórmula 1”, explicoulle o presidente Luis López ao piloto Christian Costoya, que foi o convidado do terceiro episodio do podcast da Deputación, Minutos Extra, conducido polo presidente e polo que xa pasaron anteriormente o chef Javier Olleros e a escritora Ledicia Costas.

Ante este anuncio, o prometedor deportista reaccionou afirmando que “me parece unha moi boa idea, quedaríame preto da casa para poder adestrar e é tamén unha oportunidade para que a xente nova teña que quere empezar e poida facelo preto da casa sen ter que ir polo resto de España. Sería un proxecto bastante bo”. De xeito informal, López e Costoya conversaron tamén sobre a localización do circuíto e o piloto non dubidou: “Na miña casa, en Silleda; ou preto do mar”.

O momento no que o presidente Luis López anuncia ao piloto Christian Costoya a realización deste estudo de viabilidade pode consultarse nas seguintes ligazóns:

Instagram: https://www.instagram.com/reel/Dftx6KGRyWD/?rpxt=MTh6ejZhZ2c2MmZkeg==

X: https://x.com/luislopezlugues/status/2121521149209096537?a=NqEAyLstJRmMeIiAlHY&s=46

Facebook: https://www.facebook.com/share/r/1K2mv2xKyR/?mibextid=wwXIfr

Tiktok: https://vm.tiktok.com/ZGdX945R4/

Galerias de imagenes