Luis López asina co alcalde de Portas, Ricardo Martínez, o convenio de 1,4M€ para a mellora da seguridade viaria da EP-8101 entre Portas e Romai

O presidente provincial salienta o impulso que a Deputación está a dar á rede viaria provincial para fomentar a mobilidade peonil e a seguridade de condutores e peóns

13/01/2026

Conferencia de prensa de Luis López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de asinar un convenio de colaboración co alcalde de Portas e tamén deputado provincial, Ricardo Martínez, para o ensanche e mellora da mobilidade de peonil na estrada provincial EP-8101 entre os núcleos de Portas e Romai cunha intervención valorada nun total de 1,38 millóns de euros, dos que o ente provincial achega o 80 %, arredor de 1,1M€; e o Concello o 20 % restante, arredor de 270.000€, así como o custo das expropiacións necesarias para executar a obra que están calculadas nuns 55.700 euros. “Estamos actuando de xeito moi intenso e destinando moitos recursos á mellora da mobilidade peonil e da rede viaria da provincia”, afirmou o dirixente.

O proxecto céntrase nun treito de máis de tres quilómetros entre Portas-Romai, nunha estrada de dobre sentido cunha sección de plataforma irregular e sen espazos destinados para a mobilidade dos peóns. O obxectivo da actuación pasa pola mellora da seguridade e a mobilidade dos peóns a través da construción dunha senda peonil pola marxe esquerda da estrada ata conectar coas beirarrúas xa existentes na zona de Romai. A obra tamén contempla a construción de dúas pequenas zonas de convivencia entre os PQ 2+130-2+170 e PQ 0+430-0+570, así como a renovación da rede de pluviais. “É unha actuacion importante para o Concello de Portas porque vai mellorar a seguridade viaria dos dous núcleos de poboación máis grandes do concello. É unha estrada estreita sen beiravías que terá unha senda de dous metros”, destacou o rexedor.

A colaboración da Deputación co Concello non se limita unicamente á mellora da seguridade viaria desta obra, no ámbito das infraestruturas o executivo de Luis López leva mobilizados neste mandato no Concello de Portas case 800.000 euros en diferentes melloras da rede viaria. Ademais, a través dos plans de cooperación do organismo provincial, o Concello de Portas ten previsto recibir este ano 1,37 millóns de euros, o que eleva a cifra mobilizada neste mandato a través do +Provincia, Plan Extra e Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas neste municipio no presente mandato ata os 2,8M€. “Demóstrase unha vez máis o compromiso da Deputación cos concellos pequenos e medianos. Somos unha provincia de 61 concellos”, concluíu o presidente.

Galerias de imagenes