Luis López sela co alcalde de Cerdedo Cotobade, Jorge Cubela, unha nova inxección de 1,3M€ na rede viaria provincial para a mellora do núcleo de Borela
O organismo provincial achega o 70 % do orzamento, uns 910.000€, para a creación dunha zona de convivencia de 300 metros nunha contorna de alto valor patrimonial e paisaxístico da EP-0407 na que o Concello asume o 30 % e o custo das expropiacións
22/04/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de asinar un convenio de colaboración co alcalde de Cerdedo Cotobade e tamén deputado provincial, Jorge Cubela, para a mellora da seguridade viaria e da mobilidade peonil na estrada provincial EP-0407 en Borela. Unha intervención valorada nun total de 1,3 millóns de euros, dos que o ente provincial achega o 70 %, arredor de 910.000 euros; e o Concello de Cerdedo Cotobade, os 390.000 restantes correspondentes ao 30 % do orzamento total, así como o custo das expropiacións valorado nuns 54.000€. “Nova mostra do compromiso da Deputación coas estradas. No ano 2026 destinamos 40M€ para a conservación da rede de provincial, 42M€ para obras novas e recentemente presentamos o Vía Depo, 8M€ para que os concellos afronten os danos dos temporais no viario municipal e do que Cerdedo Cotobade é un dos concellos máis beneficiados. Tamén reivindicamos a mellora das estradas nacionais e a transferencia da AP-9, que a temos que xestionar desde Galicia”, explicou o dirixente, que estivo acompañado pola deputada de Infraestruturas, Belén Cachafeiro.
O proxecto céntrase nun treito de case 300 metros e afecta á praza central da parroquia de Borela, un espazo de alto valor patrimonial e natural no concello de Cerdedo Cotobade. A actuación servirá para crear una zona de convivencia entre peóns e condutores que mellorará a seguridade viaria e fomentara a recuperación do espazo público para o uso das persoas, primando os desprazamentos a pé e as interaccións entre a veciñanza. Así mesmo, a obra servirá para mellorar a imaxe e os servizos da contorna ao soterrar a rede de pluviais, de abastecemento e tamén as liñas de telecomunicacións.
“É un fito histórico, a mellora da parroquia de Borela. Agardamos que no ano 2027 sexa unha realidade esta obra para que os veciños desfruten”, declarou o presidente. Pola súa banda, o rexedor explicou que se trata do primeiro paso desde o punto de vista administrativo para culminar un anhelo dos veciños de Borela, que é a transformación da praza central da parroquia e apostamos por convertela nun espazo de convivencia veciñal, un núcleo protexido por Patrimonio con numerosos elementos catalogados e de gran beleza arquitectónica e paisaxística”. Ademais, Cubela fixo fincapé no apoio que está a recibir o Concello por parte da Deputación. “Estamos moi contentos de que nesta etapa de goberno de Luis López se aposte unha vez máis por concellos como o noso e por obras en parroquias como Borela. É unha decisión do goberno da Deputación e do Concello para que os veciños desfruten da transformación que vai sufrir esta gran obra”, recoñeceu.
A colaboración da Deputación co Concello de Cerdedo Cotobade non se limita unicamente á mellora da seguridade viaria nesta obra, no ámbito das infraestruturas o executivo de Luis López leva mobilizados neste mandato no arredor de 3,3 millóns de euros, unha cifra que inclúe tamén o ensanche das estradas EP-0405 entre Xesteira e Almofrei ou a EP-7102 entre Serrapio e Portela. Ademais, a través dos plans de cooperación da Deputación o Concello ten recibido nestes tres anos preto de 4,8M€. “Máis de 9M€ e o mérito disto é do alcalde Jorge Cubela pola súa capacidade para conseguir fondos, que haxa rexedores coma el facilita todo e publicamente quero agradecerlle o traballo que está a facer a fronte das áreas de Cultura, Xuventude e Reto Demográfico da Deputación nas que está a conseguir que a provincia sexa un referente”, rematou López.
