Luis López asina co alcalde de Cuntis, Manuel Campos, unha achega de 600.000€ coa que construír unha nova senda desde o centro urbano ata A Estrada
O presidente provincial recibe o rexedor no Pazo Provincial para selar un acordo co que a Deputación, a través dos recursos do Plan Extra e o +Provincia, financia ao 100% un plan que potencia a mobilidade peonil, mellorará a seguridade viaria entre Cuntis e A Estrada
20/10/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asina co alcalde de Cuntis, Manuel Campos, o convenio para a mellora da mobilidade de peóns, ciclistas e vehículos entre o centro urbano do concello e o municipio veciño da Estrada a través da creación dun itinerario seguro para todos os usuarios do viario. Trátase dun proxecto enmarcado na segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, un programa que reparte 35 millóns de euros entre 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia que resultaron beneficiarios nesta segunda entrega do Plan Extra. No Pazo provincial, López e Campos selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega 605.800 euros para financiar o 100 % dunha obra a través da combinación dos recursos do Plan Extra (500.000€) e do +Provincia (105.800€). “Falamos dunha mellora importante nun viario municipal cos parámetros de calidade que aplicamos ás estradas provinciais e que consiste na adaptación da plataforma nun espazo seguro para peóns, bicis e vehículos. É un proxecto estratéxico e unha obra que representa o que buscamos: executar melloras a favor dos veciños vivan onde vivan”, definiu o presidente.
O proxecto céntrase nun viario municipal que transcorre de xeito paralelo a estrada nacional que conecta o centro urbano de Cuntis ata o límite co Concello da Estrada. A obra consiste na creación dun espazo de circulación compartida, deseñado para garantir a coexistencia segura, cómoda e eficiente de peóns, ciclistas e vehículos, dando prioridade en todo momento a accesibilidade universal, a redución da velocidade de circulación e a integración paisaxística co entorno rural. O deseño contempla a renovación do pavimento nas áreas onde se atopa deteriorado, así como a execución de cunetas transitables con pendentes suaves que, ademais de cumprir a función de recollida e evacuación das augas pluviais, permiten a circulación peonil en condicións de seguridade. A intervención complétase coa instalación de sinalización horizontal e vertical específica, que establece a prioridade de peóns e ciclistas sobre os vehículos, limitando a velocidade máxima de circulación a 30 quilómetros por hora en todo o ámbito de actuación. “Agradecemos a convocatoria destes proxectos, que son moi importante para Cuntis porque sen eles seríanos moi difícil investir 600.000 euros. É unha actuación moi importante que vai transformar dúas parroquias do Concello e fará que a xente transite por un itinerario seguro”, declarou o rexedor.
A sinatura deste acordo supón un novo paso adiante na colaboración da Deputación co Concello de Cuntis, onde tamén están en marcha outros proxectos centrados na mellora dos espazos públicos, así como de infraestruturas viarias ou equipamentos sociais que redundan nunha mellora da calidade de vida da veciñanza.
