Luis López acorda coa alcaldesa de Pontecesures, María Teresa Tocino, financiar ao 100% os 550.000€ da mellora integral de San Xulián de Requeixo
O presidente provincial recibe á rexedora no Pazo Provincial para selar un acordo co que o ente provincial combina os recursos do Plan Extra e o +Provincia para a transformación do espazo público e a mellora dos servizos da contorna
15/10/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asina coa alcaldesa de Pontecesures, María Teresa Tocino, o convenio para a humanización e mellora integral dos servizos en San Xulián de Requeixo. Un proxecto enmarcado na segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, un programa que reparte 35 millóns de euros entre 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia que resultaron beneficiarios nesta segunda entrega do Plan Extra. No Pazo provincial, López e Tocino, selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega os 550.000 euros necesarios para executar un proxecto a través da combinación dos recursos do Plan Extra (467.270€) e do +Provincia (82.500 euros). Unha nova mostra do compromiso da Deputación cos concellos para a transformación do espazo público.
O proxecto consiste na mellora da calidade ambiental e urbana do espazo público a través dunha única solución construtiva —a semellanza da pavimentación existente en continuidade coa Rúa do Coengo— para as tres rúas e os dous ramais que conforman a área de San Xulián de Requeixo consistente en pavimentación das calzadas existentes en formigón armado. Prevese a execución dunha canle lonxitudinal central pola metade de calzada, formado por laxas de pedra granítica. Os elementos hidráulicos corresponden aos pozos de rexistro e as tubaxes para recollida de pluviais e a drenaxe lonxitudinal recollerá a auga de escorrentía da plataforma e marxes da mesma. Ademais, implantaranse novas zonas verdes e instalaranse elementos de mobiliario urbano como taboleiro de anuncios, papeleiras e bancos de formigón, así como unha fonte de auga potable.
A sinatura deste acordo supón un paso adiante na cooperación entre a Deputación e o Concello de Pontecesures, onde os recursos dos distintos plans de cooperación da administración provincial cos concellos está a impulsar obras que transforman os servizos e as infraestruturas públicas mellorando a calidade de vida da veciñanza.
