Luis López recoñece o labor vital de entidades como Adicam para mellorar o benestar da veciñanza, un eido no que a Deputación leva investidos 11,5M€ neste mandato
O presidente provincial asina un convenio de colaboración por valor de 8.000 € coa presidenta de Adicam, Olga Sotelo, para desenvolver o proxecto de asistencia integral a mulleres que sofren cancro de mama ou xinecolóxico
13/10/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reafirmou o compromiso do organismo provincial para seguir tendendo pontes con colectivos como Adicam (Asociación de Persoas Afectadas de Cancro de Mama e Xinecolóxico), que velan polo benestar social e a mellora da calidade de vida das persoas que sofren estas enfermidades. Unha visita que serviu para coñecer as instalacións que esta entidade ten en Cangas, conta ademais con sedes en Vigo e Pontevedra, e asinar un convenio de colaboración a través do cal a Deputación achega 8.000 euros para colaborar no financiamento do programa de asistencia integral a mulleres afectadas por un tumor de mama ou xinecolóxico. Un encontro no que o dirixente puxo en valor o esforzo dos membros deste colectivo para mellorar a calidade de vida da veciñanza e canalizar os recursos das administracións cara as familias.
Acompañado pola presidenta de Adicam, Olga Sotelo, o presidente completou un percorrido polas instalacións da entidade durante a que tivo oportunidade de saudar a traballadores e usuarios, así como coñecer polo miúdo as liñas mestras do proxecto de Adicam, unha asociación que conta cuns 2.000 socios e preto de 25 anos de traxectoria na provincia.
Neste sentido, afirmou Luis López que os obxectivos de entidades como Adicam son tamén compartidos polo goberno provincial, que ao longo destes dous anos de mandato ten posto en marcha iniciativas no eido do benestar social por valor de preto de 11,5 millóns de euros a través da cooperación cos concellos, da posta en marcha de programas como +Convivencia ou + Benestar; e das convocatorias de subvencións para accións de igualdade ou benestar social da que se benefician colectivos como Adicam, que este ano tamén opta a renovar unha axuda do servizo de Benestar Social para desenvolver o proxecto "Seguimos Camiñando en Rosa", pola que recibiu no ano 2024 un importe de 4.890 euros. Dúas axudas que non son a única vía de colaboración entre a Deputación e Adicam, pois esta entidade foi tamén recoñecida polo organismo provincial na primeira edición dos Premios Sociais.
Unha visita á sede de Adicam en Cangas que rematou coa renovación do compromiso da Deputación para seguir colaborando na posta en marcha dos seus programas e actividades co obxectivo de cooperar para seguir ofrecendo aos usuarios os mellores servizos e atencións.
