Luis López salienta a resposta “áxil e inmediata” do Servizo de Infraestruturas para atender as case 270 incidencias rexistradas polos temporais nas estradas provinciais
O presidente provincial, xunto coa deputada Paula Bouzós, fixo balance do impacto das incidencias, a maioría menores, na rede viaria desde o 1 de xaneiro e anunciou que a Deputación destinará 85.000 euros pola vía de urxencia para arranxar un desprendemento na EP-2403 no Concello de Gondomar
11/02/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca a actuación “áxil e inmediata” dos profesionais responsables do mantemento das estradas provinciais, dependente do Servizo de Infraestruturas da Deputación, para dar resposta ás 266 incidencias rexistradas na rede viaria provincial desde o 1 de xaneiro, froito do tren de borrascas que está a afectar a todo o territorio. Nunha visita a Gondomar, onde o ente provincial investirá de xeito urxente 85.000 euros para arranxar un desprendemento na EP-2403 entre Mosende e Morgadáns, o mandatario provincial indicou que o “elemento diferenciador” que evita que estes sucesos adquiran maior gravidade está nos 86M€ mobilizados polo goberno provincial neste mandato e na profesionalidade e entrega dos traballadores deste departamento. “Se as incidencias tiveron un impacto mínimo é grazas a eles”, recoñeceu o presidente.
Despois de máis de corenta días consecutivos de chuvias, o mandatario provincial fixo balance das incidencias rexistradas na rede viaria provincial desde o comezo do ano. O Servizo de Infraestruturas da Deputación recibiu un total de 266 avisos, dos cales a maioría, un total de 98, estiveron motivados pola caída de árbores sobre as estradas. Con todo, houbo outras situacións relacionadas coa presenza de animais, bolsas de auga, manchas no asfalto, interferencias con compañías subministradoras de servizos, accidentes ou desprendementos; que tamén supuxeron a intervención dos responsables de mantemento de estradas da Deputación.
Foi un desprendemento producido no punto quilométrico 11+200 da EP-2403, estrada que une as localidades de Morgadáns e Mosende, no termo municipal de Gondomar, froito das intensas precipitacións dos últimos días o que motivou a visita do presidente Luis López, acompañado pola deputada e concelleira de Gondomar, Paula Bouzós, a esta estrada, que será arranxada de xeito inmediato cun investimento de 85.000 euros para construír un muro de contención. “Unha obra de emerxencia que enmarcamos dentro dunha actuación que tanto nesta como noutras estradas vimos realizando con moita antelación. Desprendementos destas características son inevitables pero hai un traballo de investimento en mantemento previo que fai que estas incidencias sexan mínimas”, declarou o dirixente, quen lembrou que hai un ano a Deputación investira máis de 600.000 euros nun treito de 5 quilómetros desta estrada para repoñer o firme, reforzar a capacidade portante e mellorar a drenaxe da estrada. Neste sentido, a deputada Paula Bouzós destacou “a rápida actuación do Servizo de Infraestruturas da Deputación e tamén a rapidez para aprobar o orzamento por urxencia”.
O goberno provincial inviste 86M€ na rede viaria provincial
O investimento da Deputación nos 1.600 quilómetros que integran a rede de estradas provinciais para contar cun viario seguro e en perfecto estado conservación está a ser unha constante. No orzamento deste ano 2026, o goberno provincial eleva nun 50 % a partida destinada a Infraestruturas, que acada os 40M€. Un esforzo investidor que se corresponde cos 39M€ adxudicados no 2024 para o servizo de mantemento de estradas para os vindeiros 5 anos ou a prórroga, por valor de 7,1M€ asinada hai cinco meses para dar continuidade ao servizo de mellora de firmes e de construción de cunetas de seguridade.
“En total son 86M€ para o mantemento de estradas provinciais, algo que contrasta co que fan outros”, afirma López, quen critica a falta de investimentos por parte do Goberno central na rede de estradas nacionais ao seu paso pola provincia, que presentan problemas de seguridade pola falta de mantemento. “Isto da boa conta do que acontece. Dun lado, temos unha administración que planifica, inviste e executa: a Deputación; e doutra banda, unha que abandona, marxina e mira cara outro lado: o Goberno central, tanto no que a atinxe as estradas por non falar do funcionamento dos trens”, resumiu o dirixente provincial.
Para rematar e despois de agradecer o labor dos traballadores do servizo de Infraestruturas, o presidente Luis López reafirmou o compromiso do goberno provincial para seguir mellorando a rede viaria da Deputación, así como para “reiterar as nosas peticións ao Goberno central para que mellore as estradas nacionais”.
Galerias de imagenes
audios
intervención da deputada Paula Bouzós
intervención do presidente Luis López
