Luis López e Rafa Domínguez ofrecen colaboración ao Concello de Pontevedra na futura reforma do céspede do estadio municipal de Pasarón
A Deputación queda á espera de que o club presente as propostas de actuación para mellorar a drenaxe do céspede e de que o Concello inicie o procedemento para actuar nesta infraestrutura de titularidade municipal para explorar vías de cooperación
11/05/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o vicepresidente Rafa Domínguez ofrecen a colaboración da administración provincial ao Concello de Pontevedra para a futura reforma de Pasarón co obxectivo de arranxar os problemas de drenaxe que arrastra o céspede desta infraestrutura de titularidade municipal. O mandatario provincial volve tender a man a cooperar co Concello, que é o propietario do estadio e quen debe poñer en marcha os proxectos, nun acto celebrado no mesmo estadio no que López renovou o compromiso do organismo provincial co Pontevedra CF, un equipo histórico e un emblema da provincia do deporte, asinando coa presidenta do club, Lupe Murillo, un convenio de colaboración entre as dúas entidades por valor de 160.000 euros, o que mantén á Deputación como un dos principais patrocinadores da entidade.
O dirixente provincial aproveitou a visita a este “templo do fútbol nacional” para salientar o mérito e traballo do conxunto granate nos últimos anos, darlle os parabéns polo éxito da presente campaña, na que o primeiro equipo está a loitar polo ascenso á categoría de prata do fútbol español e o seu filial conseguiu este domingo o ascenso a 3ªRFEF; e desexar sorte aos xogadores para afrontar os vindeiros encontros decisivos. “Todos coñecemos a historia do Pontevedra e o momento doce no que está ten moitísimo mérito”, recoñeceu López.
Sobre o estado do céspede de Pasarón, o presidente provincial tendeu a man da Deputación para arranxar dunha vez por todas os problemas de drenaxe. “A colaboración da Deputación vaina haber, nós imos axudar, como xa o fixemos na última mellora”, asegurou o dirixente antes de puntualizar que “quen ten que asumir as reformas estruturais é o titular e o titular de Pasarón é o Concello”, ao que insta a iniciar o procedemento administrativo para explorar as vías de colaboración e poder resolver os problemas do estadio que están a deixar unha mala imaxe e a poñer en risco a saúde dos deportistas.
“Pasarón é un dos grandes templos da historia do fútbol nacional e, por suposto, dunha provincia do deporte que, se tira con tanta forza, é grazas ao labor de clubs históricos como o Pontevedra. O ascenso do Pontevedra B e a vitoria do sábado é un impulso para entrar na fase de ascenso son pasos adiante para a provincia do deporte”, celebrou López, quen salientou a importancia do apoio da Deputación ao Pontevedra. “Somos un dos principais patrocinadores”, dixo. Unha axuda que tamén quixo recoñecer a presidenta Lupe Murillo ao “agradecer o apoio permanente da Deputación e o seu compromiso. O Pontevedra é de todos, é o equipo da provincia”.
A Deputación instalará o domingo unha pantalla xigante para o partido decisivo en Tenerife
Coa renovación deste convenio, a Deputación achega o seu “gran de area” e reforza a colaboración co principal equipo de fútbol da cidade. Unha relación de longa traxectoria que non se limita unicamente a este convenio anual de colaboración nin a axudas como os 47.000 euros achegados o ano pasado para a renovación do céspede do estadio municipal. Luis López aproveitou tamén para anunciar a instalación dunha pantalla xigante este domingo ás portas do Pazo provincial para seguir o encontro do Pontevedra contra o Tenerife no Heliodoro Rodríguez López e reunir así á afección granate para animar desde a distancia ao equipo, que se gaña selará a súa clasificación matemática para a fase de ascenso a Segunda División. Non é a primeira vez que o goberno provincial ofrece aos seareiros a posibilidade de seguir ao seu equipo, hai dúas tempadas xa fixera o propio para seguir a final do playoff de ascenso a 1ªRFEF contra o Betis B.
A colaboración da Deputación co Pontevedra enmárcase dentro da aposta estratéxica que está a desenvolver o goberno provincial polo deporte, na que a cooperación co tecido deportivo da provincia é un dos seus piares. Neste sentido, a administración provincial ofrece liñas de axuda aos clubs deportivos para apoiar a participación en distintas competicións, para a adquisición de material, para a organización de eventos ou para a compra de vehículos. Unha estratexia que se basea tamén no investimento en infraestruturas deportivas, na acollida de eventos de toda clase e na promoción das Rías Baixas como destino turístico ligado ao deporte.
