Luis López destaca o éxito de O corno como símbolo do potencial cultural da provincia

O presidente da Deputación de Pontevedra participou na gala inaugural da vixésima edición do Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto en Santiago de Compostela, onde se estreou o filme premiado coa Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián

03/10/2023

presentación pelíclua o c rono

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou o éxito que supón para o cinema da provincia e do conxunto de Galicia o premio que conseguiu a cineasta Jaione Camborda coa súa obra O corno no Festival Internacional de Cinema de San Sebastián, no que recibiu a Cuncha de Ouro. O dirixente provincial participou esta tarde na cerimonia inaugural da vixésima edición do Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto, que tivo lugar no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, e que serviu tamén para estrear o galardoado filme.

O dirixente provincial louvou no seu discurso non só o talento da directora, senón tamén a espectacularidade dos escenarios escollidos para a realización da obra, rodada case na súa totalidade en espazos da provincia de Pontevedra, coma A Illa de Arousa, a praia da Lanzada ou O Rosal.

O corno conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra, un apoio que Luis López xustificou con tres poderosos argumentos. En primeiro lugar, quixo poñer en valor a presenza de mulleres na produción, na realización, no guión e na interpretación do filme. “É unha rodaxe dirixida por unha muller —a primeira española premiada no festival de Donosti—, con protagonistas mulleres e que se basea na dureza das condicións de vida das mulleres naquela Galicia dos anos setenta”, subliñou.

Tamén fixo referencia ao uso da lingua galega. “Dificilmente podemos describir o orgullo que sentimos ao escoitar a lingua propia nunha produción deste calibre e ao ver como triunfa dentro e fóra de Galicia”, confesou. O terceiro alicerce deste éxito está en que “hai un cinema que non precisa importar historias, ao contrario, conta as nosas, e o seu éxito permite que se coñezan en multitude de países do mundo”, rematou Luis López, convencido de que hai moitos máis motivos polos que Jaione se converteu na primeira cineasta galega en levar o cinema galego “a cotas de éxito que ata hai pouco semellaban inalcanzables”.