Luis López entrega no pavillón do Gatañal as furgonetas DepoVan concedidas pola Deputación aos equipos de balonmán de Cangas: Frigoríficos do Morrazo e Luceros
O mandatario provincial remarca a aposta estratéxica da Deputación polo deporte e o apoio aos clubs da provincia a través de liñas de axudas como o programa Depo Van, que nesta segunda convocatoria está a repartir 1M€ entre o entidades de todas as disciplinas
11/05/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de entregar esta domingo aos clubs de balonmán de Cangas, o Frigoríficos do Morrazo e o CB Luceros, sendas furgonetas Depo Van nunha liña de axudas aos clubs deportivos da provincia co obxectivo de facilitar o traslado de deportistas e materiais. O mandatario provincial entregou estas dúas furgonetas aos dirixentes do Frigoríficos do Morrazo e o Luceros despois de presenciar no pavillón do Gatañal o encontro entre o conxunto local e o Irudek Bidasoa Irún de liga Asobal.
O programa Depo Van ten en marcha xa a súa segunda convocatoria, trátase dun plan dotado cun orzamento de 1M€ que se pon a disposición das entidades deportivas da provincia a través de tres categorías. A primeira delas conta con 550.000€ a repartir entre clubs de calquera disciplina; a segunda, con 350.000€, vai dirixida a especialidades náuticas e a terceira, de 100.000€, para entidades con deportistas con discapacidade. A partida orzamentaria desta segunda convocatoria incrementouse nun 67 % co obxectivo de chegar a moitas máis entidades en cada unha das modalidades. Os beneficiarios están a recibir axudas cun valor máximo de 25.000€ para a adquisición de vehículos novos, mentres que a contía para a compra de vehículos usados é de 15.000€ e ata un máximo de 5.000€ para facerse con remolques, adaptar vehículos ou comprar aparatos para persoas con discapacidade.
“Esta é outra mostra do compromiso e sensibilidade do goberno da Deputación co deporte provincial. Se somos a provincia do deporte é por clubs como o Frigoríficos e o Luceros”, destacou o presidente provincial no pavillón do Gatañal.
