Luis López destaca o traballo conxunto entre a Deputación, a Xunta e o Concello de Mos para transformar o Parque da Pesqueira nun espazo natural para o desfrute das familias

O presidente provincial, acompañado pola alcaldesa Nidia Arévalo e a conselleiro Diego Calvo, participa na inauguración dunha nova zona verde na que a Deputación investiu 274.000 euros a través de distintas anualidades do Plan +Provincia

02/09/2026

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de participar este mércores no acto de inauguración da ampliación do Parque da Pesqueira de Mos, un proxecto de colaboración a tres bandas entre o Concello, a Xunta e a Deputación no que o organismo provincial investiu máis de 274.000 euros con cargo ás últimas tres anualidades do Plan +Provincia. Este recentemente ampliado parque, que pon a disposición da veciñanza unha espazo natural de 8.000 metros cadrados na contorna do Camiño de Santiago, inclúe zonas para a práctica deportiva como o skate ou a escalada, así como lugares para o descanso, o xogo infantil e actividades en familia. “Este proxecto nace da cooperación entre a Xunta, a Deputación e o Concello para facer posible que este espazo que estaba en semiabandono estea a disposición de toda a veciñanza. Detrás hai moita planificación, moitos esforzos para obter financiamento e moitas resolucións de imprevistos”, declarou o presidente, nun acto no que tamén participou a alcaldesa Nidia Arévalo e o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo.

Os traballos de ampliación e mellora do Parque da Pesqueira de Mos serviron para habilitar un recinto de 8.000 metros cadrados de alto valor natural que inclúe cinco áreas definidas para distintos usos, como unha zona de skate e outra de escalada, espazo para parque infantil, un parque de auga en unha área de descanso. Cun orzamento total de 507.500€, a Deputación contribuíu a que este proxecto estratéxico pasara do papel á realidade cunha achega de 274.000€ a través de catro subvencións con cargo a tres anualidades distintas do Plan +Provincia. No ano 2024 concedeurse unha axuda de 8.700€ para a construción dun depósito de auga e outra de 11.200€ para un parque infantil. Nos anos 2025 e 2026, concedéronse dúas novas axudas por valor de 125.000 e 128.800 euros para o proxecto de ampliación do parque valorado nun total de 507.575 euros. “Esta obra fíxose en anualidades porque as administracións, ás veces, non damos abarcado todo nun mesmo momento e hai que repartilo en distintos anos. Iso permitiu que o proxecto sexa realidade”, valorou López nun recoñecemento á capacidade de planificación e captación de recursos do goberno local que encabeza Nidia Arévalo.

“Insisto en que a cooperación é outro aspecto moi importante para facer proxectos para os concellos. Ata hai tres anos non podía haber un acto coma este, coa Xunta e a Deputación xuntas. Agora, polo ben da veciñanza, iso xa forma parte do pasado e este é o camiño que temos que seguir”, engadiu López para agradecer a colaboración do goberno autonómico en todos os proxectos de cooperación que se están a levar a cabo por concellos de toda a provincia.

Ademais, a colaboración da Deputación co Concello de Mos non se limita unicamente á mellora destas dúas avenidas. Nestes tres anos de mandato, a Administración provincial ten mobilizados en Mos preto de 9,3 millóns de euros, tanto a través de proxectos de infraestruturas como a través dos distintos plans de cooperación co Concello.