Luis López celebra o impulso conxunto da Deputación, a Xunta e o Concello para afrontar o reto demográfico cunha nova escola infantil en Ponteareas por valor de 1M€
O mandatario provincial, xunto co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a alcaldesa Nava Castro, inaugura este novo equipamento, que destaca polo seu deseño integrado na natureza, no que o organismo provincial investiu 490.000€ ao abeiro do +Provincia
13/05/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, visitou este mércores o Parque Ferro Ucha de Ponteareas para participar na inauguración da nova escola infantil. Un novo equipamento público posto a disposición da veciñanza na que a Deputación achegou case 490.000 euros para financiar o 46 % dos preto de 1 millón de euros do custo total do inmoble. Acompañado polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e a alcaldesa Nava Castro; o mandatario provincial percorreu o novo edificio chamado a mellorar a atención a infancia e a conciliación calidade de vida das familias nun novo paso adiante da Deputación para afrontar o reto demográfico. “Inauguramos hoxe unha obra executada en tempo e forma e que é froito da colaboración entre tres Administracións: Concello de Ponteareas, Xunta de Galicia e Deputación”, salientou o mandatario provincial, quen amosou a súa satisfacción por comprobar como os proxectos pasan “do papel a realidade”.
A construción desta nova escola infantil é froito da cooperación entre o Concello de Ponteareas, que promove a iniciativa, a Deputación de Pontevedra, que financia o 46 % do orzamento a través do plan +Provincia; e da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, que aporta o 54% restante, uns 570.000€. O proxecto centrouse na construción dun edificio de xeometría cadrada cun patio rectangular no seu interior ao que se accede desde todas as aulas e desde a zona de usos múltiples. O edificio ten un peche exterior de malla delimitando tres zonas de patio vexetal equipados con céspede e árbores que funcionarán como zonas para a realización de actividades en contacto coa natureza. Na zona norte da parcela disponse a zona de sala de usos múltiples con accesos directo á cociña e ao patio interior. Esta zona de usos múltiples, ao igual que o resto de espazos, conta con iluminación natural e acceso directo ao patio central e aos patios exteriores. “É un edificio moderno, de calidade, bonito e integrado na contorna. Unha escola necesaria que mellorará a calidade de vida e a conciliación familiar para facer fronte ao reto demográfico”, explicou López.
Unha nova mostra da utilidade de programas como o +Provincia, dotado este ano con 85M€ a repartir entre os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia, para colaborar con concellos como o de Ponteareas na execución de proxectos “ambiciosos e estratéxicos”. Neste punto, o presidente da Deputación recoñeceu o labor de Nava Castro á hora de facer realidade este tipo de actuacións. “Iniciativas desta clase so son posibles grazas ao labor dunha alcaldesa como Nava Castro, que sempre está a buscar solucións e novos proxectos para Ponteareas, igual fixo para o turismo na provincia no seu anterior papel de deputada provincial”. Neste sentido, tamén puxo en valor López o apoio indispensable da Xunta ao sinalar que “con presidentes que coñecen o territorio, escoitan os concellos e ofrecen solucións, como Alfonso Rueda, todo é máis doado”. Do mesmo xeito, tamén salientou o papel da Deputación, “que ten na cooperación leal e permanente cos concellos unha das súas razóns de ser”, remarcou o dirixente provincial.
A colaboración da Deputación co Concello non se limita unicamente á construción deste inmoble. No que vai de mandato, o goberno provincial ten mobilizados en Ponteareas máis de 7,5M€ para a mellora dos servizos e as infraestruturas municipais, como a nova pista de atletismo (835.000€), a mellora e ampliación da piscina (1,35M€) ou a musealización do Corpus (170.000€). “Reafirmamos o compromiso da Deputación para seguir colaborando co Concello de Ponteareas, así como cos restantes 60 da provincia”, concluíu o presidente Luis López.
