Luis López ve en Etiqueta Negra un escaparate para dar a coñecer a riqueza da gastronomía e a capacidade para emprender e innovar que hai na provincia de Pontevedra
O presidente provincial participa na inauguración da décima edición do salón gourmet que se celebra cada ano en Pontevedra co apoio da Deputación, que patrocina o evento e dispón dun posto no que ofrece degustacións da súa marca Té Areeiro
07/11/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, participou este sábado no acto de inauguración da décima edición de Etiqueta Negra, o salón do gourmet gallego e da innovación inspiradora no eido da gastronomía que está aberto ao público no Recinto Feiral de Pontevedra os días 1, 8 e 9 de novembro. “O noso territorio é potencia en moitas cousas, como o deporte ou o turismo. Pero tamén somos líderes mundiais noutros dous aspectos moi relevantes: a gastronomía e o emprendemento”, declarou o dirixente da Deputación nun acto no que estivo acompañado polo vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; e representantes do sector público e privado de Galicia.
Entre os obxectivos desta feira que leva dez anos celebrándose na cidade de Pontevedra están os de reforzar a imaxe e posicionamento de Galicia como rexión produtora de alimentos de calidade e excelencia e de Pontevedra como foco da innovación gastronómica; amosar a gran capacidade e o enorme potencial da industria agroalimentaria de Galicia como motor da economía e impulsar o seu desenvolvemento socioeconómico como un sector profesional e innovador; ou o de promover e contribuír á competitividade e á internacionalización do sector mediante a identificación das súas principais necesidades e dos retos aos que se enfronta. Para acadalos, o programa inclúe, ademais de máis de 100 expositores, actividades como Showcooking, demostracións, café con produtores, catas e obradoiros.
A Deputación de Pontevedra, patrocinadora do evento, volve estar presente este ano entre os expositores coa súa tetería na que ofrece aos asistentes degustacións do Té Areeiro producido a partir da camelia das Rías Baixas. Así mesmo, este sábado organizou un showcooking da man dos cocilñeiros Yayo e Esther Daporta.
“Non é ningún segredo que nas Rías Baixas temos produto da máxima calidade e moi variado que exportamos por todo o mundo. Pero ademais, cada ano son máis e máis os cociñeiros e restaurantes que reciben distincións de entidades de toda índole. E, en segundo lugar, nesta provincia abundan as persoas capaces de emprender, innovar e destacar nun ecosistema global, en eidos tan diversos e nos que parece que todo está inventado como é a gastronomía. Por iso, reafirmamos o compromiso e apoio da Deputación con todo o sector produtivo, empresarial e emprendedor da provincia. Tedes nesta administración un aliado que vos axuda a diario”, afirmou o presidente Luis López na apertura de portas dun evento ao que convida a toda a veciñanza a asistir para degustar os manxares da provincia.
