Luis López felicita o Concello da Estrada por empregar os 800.000€ da Deputación na mellora da Praza de Galicia, un “punto de inflexión” para o urbanismo na vila
O presidente da Deputación destaca a cooperación entre as administracións municipal e provincial para executar o proxecto en tempo récord: “Hai un ano estabamos asinando o convenio e hoxe a obra é unha realidade”
16/05/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, participou este sábado no acto de inauguración da humanización da Praza de Galicia da Estrada, unha obra executada ao abeiro da primeira convocatoria do Plan Extra, cos que o goberno provincial promove proxectos estratéxicos nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Valorada en máis de 1,15M€, o ente provincial achegou o 70 % do orzamento, 800.000€, que serviron para transformar o centro urbano da Estrada. “Esta humanización da Praza de Galicia marca un punto de inflexión no urbanismo, na mobilidade e na imaxe do centro urbano da Estrada”, salientou o dirixente provincial, que estivo acompañado polo alcalde Gonzalo Louzao e o conselleiro de Cultura e anterior alcalde e deputado provincial, José López Campos.
A actuación serviu para reordenar o espazo público da céntrica Praza de Galicia, o que permitiu xerar novos
espazos para as persas e restrinxir o acceso ao tráfico rodado. Con esta intervención renováronse tanto os pavimentos como os servizos urbanos xunto coa plantación de novas especies vexetais e a instalación de novo mobiliario urbano. Un proxecto estratéxico e transformador que supón a recuperación dun amplo espazo público para a vida colectiva onde a prioridade reside agora no peón e non nos vehículos, o que redunda nunha maior interacción social, máis seguridade para as persoas, maior autonomía infantil e un estilo de vida activo e máis saudable. “Esta obra reflexa a estratexia compartida entre o Concello e a Deputación para transformar o espazo público, falamos dunha humanización que entrega á veciñanza un espazo máis accesible, máis seguro e máis moderno, que impulsará o comercio local e as interaccións sociais”, destacou o mandatario provincial.
Neste sentido, Luis López fixo fincapé na execución do proxecto nun tempo récord. “O 21 de maio de 2025 recibía no meu despacho do Pazo provincial ao alcalde para asinar o convenio de colaboración do Plan Extra para poñer en marcha este proxecto. Hoxe, menos de 365 días despois, a obra é unha realidade. Non é común que os proxectos pasen do papel ao terreo de xeito tan áxil. Cando ocorre algo así é porque detrás hai un alcalde rigoroso e traballador, con ideas claras e proxectos sólidos. Ese alcalde é Gonzalo Louzao”, eloxiou López quen tamén quixo lembrarse do labor do exalcalde José López Campos. “É de xustiza estender esta felicitación ao conselleiro José López Campos, se hoxe podemos desfrutar desta humanización da Praza de Galicia da Estrada é grazas ao camiño que el iniciou”, recoñeceu o dirixente provincial.
A colaboración da Deputación co Concello da Estrada non se limita unicamente á humanización desta praza. No que vai de mandato, o goberno provincial ten mobilizados neste municipio máis de 10,4M€ a través dos distintos plans de cooperación, como son o Plan +Provincia, o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas ou o Plan Extra en actuacións como a mellora dos servizos e as infraestruturas municipais, como o novo módulo cuberto de atletismo (1M€), a mellora das piscinas municipais (0,33M€) ou intervencións en estradas municipais (2,4M€). “Reafirmamos o compromiso da Deputación para seguir colaborando co Concello en proxectos estratéxicos coma este”, concluíu o presidente Luis López lembrando que xa está en marcha unha nova convocatoria do Plan Extra ou o novidoso Vía Depo do que se poderá beneficiar A Estrada.
