Luis López exalta na Festa da Vieira de Cambados “a receita exquisita” das Rías Baixas coma un destino que mestura gastronomía, sustentabilidade e hospitalidade

O presidente da Deputación recoñece o labor da confraría de pescadores de San Antonio ao impulsar un evento que reflexa o seu compromiso coa pesca e o turismo sustentable

16/07/2026

Luis López exalta na Festa da Vieira de Cambados “a receita exquisita” das Rías Baixas coma un destino que mestura gastronomía, sustentabilidade e hospitalidade

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, exalta a “receita exquisita” das Rías Baixas coma un destino turístico que mestura á perfección sustentabilidade, hospitalidade e gastronomía. Fíxoo na inauguración da vixésimo segundas Xornadas de Exaltación da Vieira de Cambados, unha cita festiva que consolida á provincia como unha referencia de calidade en produtos, como o marisco ou o viño, que levan o selo das Rías Baixas. “A Confraría de Pescadores de San Antonio reflexa o compromiso desta provincia coa sustentabilidade tanto na pesca como no turismo”, recoñeceu Luis López o labor dos promotores desta cita gastronómica, unha referencia pola súa antigüidade, pola elevada afluencia de público e pola oferta culinaria e cultural dentro do amplo calendario de festas gastronómicas da provincia.

As Xornadas de Exaltación da Vieira celébrase esta fin de semana en Cambados. Organizada pola Confraría de Pescadores San Antonio, trátase dunha das citas máis representativas do verán nas Rías Baixas distinguida como Festa de Interese Turístico de Galicia. O obxectivo desta celebración pasa pola promoción do consumo

da vieira das rías galegas, o apoio ao sector pesqueiro e marisqueiro local, achegar a gastronomía mariñeira ao público mediante prezos populares e complementar a súa oferta culinaria con música, showcookings e actividades culturais. Neste sentido, o presidente provincial puxo o foco na achega que as confrarías de pescadores realizan tanto ao desenvolvemento económico como ao impulso do turismo na provincia malia as crises que están a encadear uns colectivos que teñen na Deputación “un aliado” que neste mandato elevou nun 40 % as axudas e permitiu destinar eses recursos a paliar o incremento do gasto corrente.

“Se a provincia de Pontevedra é un destino turístico de referencia, a explicación témola aquí, en Cambados. Non hai máis que ollar ao noso redor, Cambados, o Salnés, as Rías Baixas, con este mar, tanto o do Atlántico como o de viñedos; para comprender que estamos nun paraíso natural. Non hai máis que mirar cara esas cociñas, ese produto, estas vieiras; para comprobar que a nosa gastronomía é unha delicia. E non hai máis que coñecer ás persoas, como as que forman parte da Confraría de San Antonio, para percibir o compromiso co medio ambiente, a sustentabilidade e a hospitalidade que caracteriza á veciñanza das Rías Baixas. Con eses ingredientes e unha receita exquisita, xa non sorprende a ninguén que Rías Baixas se estea a converter nun destino internacional que por primeira vez na nosa historia recibiu máis visitantes estranxeiros ca nacionais”, remarcou o presidente provincial antes de agradecer a iniciativa da confraría, reafirmar o compromiso da Deputación co sector do mar e un turismo sustentable e descentralizado e convidar a todo o mundo a probar a receita das Rías Baixas en calquera época do ano e en calquera dos seus 61 concellos.

Galerias de imaxes