Luis López convida a seguir o España-Portugal deste luns na pantalla xigante que instalará a Deputación diante do Pazo provincial, a única da cidade para ver á Selección
O goberno provincial volve colocar no Paseo de Montero Ríos unha pantalla de grandes dimensións para animar en comunidade á Selección Española no encontro de oitavos de final do Mundial que se disputa este luns a partir das 21 horas
06/07/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, convida a toda a veciñanza e aos visitantes que desfrutan na provincia das súas vacacións de verán a seguir na pantalla xigante que estará instalada diante do Pazo provincial o partido de oitavos de final do Mundial que enfronta este luns a partir das 21 horas ás seleccións nacionais de España e Portugal.
“Ás nove da noite agardamos a todos aquí para ver o partido entre España e Portugal. Gustaríanos que fora outro país o rival, pero o choque cos nosos veciños lusos promete emoción. Se tivera que facer unha porra diría 0-2 para España con gol de Borja Iglesias”, declarou o mandatario provincial na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno que se celebrou este luns na que anunciou a instalación desta pantalla, a promovida polo organismo provincial é a única que se instalará na cidade, como unha nova demostración de que “somos a provincia do deporte”.
Non é a primeira vez que o executivo de Luis López formula unha iniciativa destas características. Hai dous anos, a Deputación tamén instalou unha pantalla xigante no Paseo de Montero Ríos para seguir a final da Eurocopa do ano 2024 na que España se proclamou campioa despois de vencer a Inglaterra na final por 2-1.
