Luis López inspecciona con técnicos do Adif o trazado ferroviario en desuso que será cedido á Deputación para construír unha Vía Verde entre Arcade e Pontevedra

O presidente, xunto co vicepresidente Rafa Domínguez, percorre un treito da antiga vía do tren con responsables do Administrador Ferroviario para planificar o percorrido da futura senda peonil que conectará os concellos de Soutomaior, Vilaboa e Pontevedra

09/03/2026

A Deputación avanza en Granada na posta en marcha de “A cidade dos 15 minutos” do Val Miñor, financiada con 4,4 millóns de euros de fondos europeos

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, inspecciona o treito do trazado ferroviario en desuso entre Arcade, Vilaboa e Pontevedra con técnicos do Adif co obxectivo de deseñar o percorrido da futura Vía Verde que unirá estas localidades polas antigas vías do tren. O mandatario provincial, xunto co vicepresidente Rafa Domínguez e o xefe de servizo de Infraestruturas da administración provincial, César Aja, vén de percorrer distintos puntos do itinerario con responsables do administrador ferroviario como parte do traballo de planificación e deseño da senda peonil e ciclable que está a liderar a Deputación para comprobar in situ o estado dos terreos que o administrador ferroviario cederá ao organismo provincial para conectar a pé os concellos de Soutomaior e Pontevedra.

Trátase dun novo paso adiante na elaboración dun proxecto estratéxico para a provincia que dá continuidade ao encontro de traballo do pasado mes de novembro entre o presidente Luis López e responsables do Adif en Madrid no que se pechou o acordo para iniciar o procedemento de cesión por un período inicial de dez anos do treito ferroviario en desuso entre Pontevedra e Arcade para a súa conversión en Vía Verde. Froito dese acordo, xorde esta visita ao terreo para determinar o alcance da superficie afectada e deseñar o futuro itinerario, como paso previo á sinatura do convenio que formalizará a cesión.

Neste sentido, Luis López remarca o compromiso da Deputación para “liderar” un proxecto no que o consenso institucional, social e político é pleno. “É un proxecto estratéxico, na provincia levamos anos agardándoo e é satisfactorio comprobar que estamos a dar pasos adiante, polo que agradezo ao Adif a colaboración amosada ata o de agora”, afirma López.

Proxecto de provincia

A conexión das localidades de Arcade e Pontevedra polo antigo trazado ferroviario a través dunha Vía Verde é un dos grandes obxectivos da Deputación a nivel provincia e un obxectivo que o goberno de Luis López está a liderar. Ademais de contratar á Fundación Ferrocarriles Españoles, os maiores expertos a nivel nacional para o impulso de Vías Verdes, un estudo de factibilidade deste trazado, a Deputación ten reservado no orzamento do vindeiro ano unha partida de 100.000 euros para a redacción do proxecto.

Neste sentido, Luis López fai fincapé na importancia da cooperación e a unidade para desbloquear un “proxecto complexo”, polo que valora a boa disposición do Adif para liberar o trazado dentro do marco planificación ferroviaria estatal.

A apertura da senda entre Arcade e Pontevedra é un dos treitos nos que está a traballar a Deputación dentro dun proxecto global que busca conectar as cidades de Vigo e Vilagarcía a través dunha senda peonil polas antigas vías do tren.

Galerias de imaxes