Luis López ve na ampla traxectoria e participación da Transgalaica de Cerdedo-Cotobade máis razóns para seguir apostando polo turismo deportivo e ligado á natureza

O presidente da Deputación, acompañado polo deputado e alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, remarca a oportunidade que supón acoller eventos deportivos de ámbito global para proxectar a riqueza natural do interior da provincia

20/03/2026

Luis López ve na ampla traxectoria e participación da Transgalaica de Cerdedo-Cotobade máis razóns para seguir apostando polo turismo deportivo e ligado á natureza

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de presentar este venres no Pazo provincial a décimo sexta edición da etapa de Cerdedo Cotobade da Transgalaica. Unha emblemática carreira por etapas de bicicleta de montaña que atrae cada ano a centos de participantes e contribúe a consolidar ás Rías Baixas como a provincia do deporte. “Somos a provincia do deporte porque temos deportistas de altisimo nivel, porque somos un polideportivo ao aire libre e polos eventos deportivos que se celebran nela. A Transgalaica de Cerdedo-Cotobade é unha boa boa mostra”, afirmou o presidente Luis López nun acto no que estivo acompañado polo deputado provincial e alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, así como do organizador da proba e director do Monteferro Bike Club, Javier Sánchez.

A proba celebrarase o vindeiro 29 de marzo cun percorrido duns 60 quilómetros polos montes de Cerdedo-Cotobade. A organización prevé a participación de preto de 350 corredores de todas as categorías e procedentes de distintos lugares do noroeste peninsular. A saída está fixada para as 9.30 horas desde Carballedo e, despois de completar un percorrido cun desnivel de máis de 1.400 metros agárdase a cerimonia de entrega de premios para as 13.30 horas. A Transgalaica naceu en Gondomar no ano 2006 e despois de vinte anos de traxectoria, xa é unha referencia no calendario nacional do ciclismo de montaña. Este ano a carreira consta de cinco probas, comezou en Ames, continuou en Silleda e agora chega a quenda de Cerdedo-Cotobade, para continuar despois en Friol e rematar en Manzaneda. Así mesmo, o vindeiro 27 de xuño o Concello de Cerdedo-Cotobade será tamén escenario da Copa de España XCM Transgalaica.

A celebración desta proba deportiva nas Rías Baixas supón un paso adiante na estratexia da Deputación de consolidar ás Rías Baixas como un destino turístico ligado ao deporte e á natureza. “Esta proba reporta un impacto importante desde o punto de vista económico, non só no día da proba, porque o percorrido permanece no tempo e fai que ás persoas que lle gusta andar en bici veñan ao longo de todo o ano”, reflexionou Luis López para poñer en valor o impulso que o goberno local, co alcalde Jorge Cubela á fronte, está a dar ao turismo deportivo e ao turismo de interiorna provincia de Pontevedra.

Galerias de imaxes