Luis López sinala o Club da Lamprea como un novo impulso para a economía, a cultura e o turismo no interior das Rías Baixas a través da gastronomía e o medio natural

O presidente provincial, xunto co deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, participa na presentación dunha nova entidade incluída no Plan de Sustentabilidade Turística do Condado e A Paradanta que recibe un apoio da Deputación de 1,5M€

18/12/2025

Luis López presenta o Club da Lamprea

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca as oportunidades que ofrece a lamprea para dinamizar a actividade económica, turística e cultural, así como para a protección dos ecosistemas nos concellos da comarca do Condado e A Paradanta, así como no conxunto da provincia. Fíxoo na presentación do Club de Produto da Lamprea —na que tamén estivo presente o deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña—, unha iniciativa impulsada pola Deputación enmarcada no Plan de Sustentabilidade Turística do Condado e A Paradanta no que a Deputación inviste 1,5M€ e que foi beneficiario de fondos europeos.

"A lamprea non é un produto que podemos degustar de múltiples formas, todas deliciosas, é moito máis. A lamprea é un valioso indicador da boa saúde dos nosos ecosistemas fluviais e do noso compromiso coa sustentabilidade e o medio ambiente, é un potente motor que tira da economía de todos os sectores destas comarcas e do conxunto da provincia, desde o sector primario das pesqueiras, ata o comercio, a hostalaría ou o turismo; é un símbolo do noso amplo patrimonio natural, cultural e histórico, unha especie única no mundo que fala da nosa estreita relación cos nosos ríos e a súa fauna; e, sobre todo, é un valiosísimo activo para o destino turístico que promovemos desde a Deputación", contextualizou o presidente provincial facendo fincapé na achega de todo o que rodea a lamprea para mellorar a oferta turística das Rías Baixas. "Somos un destino turístico formado por 61 concellos e a lamprea é un elemento que define e identifica aos do Condado e A Paradanta; temos na gastronomía unha das nosas grandes fortalezas e na lamprea, un ingrediente único; e non só somos costa, Rías Baixas tamén é interior e na Deputación propuxémonos dar a coñecer os tesouros do interior da provincia coa campaña "Cando Volves?", premiada en todo o mundo, que tamén pon o foco na lamprea", engadiu López.

No Museo Arabo deste concello das beiras do Miño, reuníronse representantes dos concellos e entidades máis estreitamente relacionadas con este produto para detallar as finalidades deste pioneiro Club da Lamprea. Unha entidade da que, ademais da Deputación, forman parte os concellos de A Cañiza, Arbo, As Neves, Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz-Balneario, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra do Miño, así como corporacións destacadas destas comarcas como a Asociación de desenvolvemento rural GDR Terra e Auga, a Asociación Río Miño Natureza e entidades turísticas como Hotel La Rectoral, Casa O Frenazo, restaurante Os Pirús e as bodegas As Laxas e Marqués de Vizhoja.

Esta entidade que ten entre os seus obxectivos fomentar a comercialización da lamprea, medir os efectos do cambio climático, promover a actividade económica, fomentar o turismo, diversificar a oferta de actividades na comarca e colaborar na xestión sustentable deste recurso. De mans da Deputación, o Club da Lamprea recibirá 120.000 euros que servirán, entre outros fins, para recompilar información sobre a saúde das pesqueiras do río Miño e Tea a través da creación dun mapa virtual e esquemas 3D para a visualización e visita das pesqueiras en contornas dixitais, así como a colaboración en todos os seus obxectivos.

Un compromiso coa sustentabilidade e a promoción do turismo nas comarcas do Condado e A Paradanta que non se limita unicamente ao Club da Lamprea. A través do plan de sustentabilidade, a Deputación impulsa iniciativas novidosas e atractivas como visitas e melloras no Castelo de Sobroso, a difusión da festa do Corpus ou a actividade deportiva ao aire libre nos concellos.

"Existen múltiples formas de desfrutar da Lamprea, pero como nas Rías Baixas, ningunha", concluíu Luis López antes de reafirmar o compromiso da Deputación cos concellos destas comarcas do Condado e A Paradanta e "convidar a todo o mundo a que saque o carné de abonado do Club da Lamprea".

Galerias de imagenes

audios