Luis López recoñece a contribución de equipos como o Supermercados Froiz para consolidar ás Rías Baixas como “a provincia do deporte”

O presidente provincial, xunto cos vicepresidentes Rafa Domínguez e Luisa Sánchez, participa no acto de presentación da nova tempada do equipo ciclista que tivo lugar no salón de plenos do Pazo provincial

20/02/2026

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, xunto cos vicepresidentes Rafa Domínguez e Luisa Sánchez, vén de participar este venres no acto de presentación da nova tempada do Grupo Deportivo Supermercados Froiz celebrado no salón de plenos do Pazo provincial.
“Polo labor que ao longo de moitos anos veñen facendo clubs, como o Supermercados Froiz é polo que a provincia de Pontevedra é a provincia do deporte”, afirmou o mandatario provincial para pechar un acto no que se deron cita recoñecidas figuras do ciclismo e do deporte galego, así como os alcaldes de Pontevedra e Poio, Miguel Anxo Fernández Lores e Ángel Moldes.

O acto non só tivo como obxectivo dar a coñecer aos integrantes do emblemático conxunto ciclista para a vindeira tempada, tamén serviu para render unha emotiva homenaxe a Máximo Sánchez, un amante do ciclismo e propietario de Pomasa, unha das empresas patrocinadoras do club; polo seu recente pasamento. Ademais, durante a presentación tamén houbo tempo para o recoñecemento aos patrocinadores do equipo e a lendas do ciclismo da provincia como Álvaro Pino e Óscar Pereiro, así como para a proxección de diferentes vídeos sobre a traxectoria da escuadra pontevedresa ou a entrega de agasallos aos estudantes do colexio San José, que asistiron á presentación.

“Son case 40 anos de historia do Supermercados Froiz, que é unha referencia do ciclismo, non só galego, senón a nivel nacional. Levan o nome das Rías Baixas por todo o mundo e os seus logros son colectivos e nos fan sentir tremendamente orgullosos, tanto polo traballo que estades a realizar como polos valores que inculcades aos máis pequenos”, recoñeceu o presidente Luis López, quen confesou tamén a súa afección polo ciclismo.

Neste sentido, o presidente da Deputación quixo salientar a aposta estratéxica que está a realizar o goberno provincial polo deporte desde todos os ámbitos. “O apoio aos deportistas profesionais, de elite e de base con máis axudas ca nunca; a colaboración cos clubs, a mellora das instalacións deportivas municipais que levan o selo da Deputación por toda a provincia ou coa acollida de grandes eventos deportivos”, enumerou López, para destacar a continuación o potencial da alianza entre o ciclismo e a provincia ao citar a celebración dun “etapón” do Gran Camiño cun final “espectacular” no alto de Santa Trega, na Guarda, ou a posibilidade de acoller tamén algunha etapa da categoría feminina de La Vuelta a España.

O presidente provincial pechou o acto de presentación do Supermercados Froiz lembrando ao fundador da empresa e do equipo ciclista. “Desexámosvos sorte no comezo dunha nova tempada na que, como diría o noso querido Magín Froiz, o importante non son os resultados, senón dalo todo. Ese é o verdadeiro triunfo”, recalcou Luis López despois de recoñecer o labor do equipo e dos seus dirixentes a prol do deporte na provincia e reafirmar o compromiso da Deputación para seguir consolidando ás Rías Baixas como a provincia do deporte.

Galerias de imaxes