Luis López aborda co presidente do Senado, Pedro Rollán, as realidades e retos de futuro das entidades locais
O presidente da Deputación é recibido este martes polo dirixente da Cámara territorial nun encontro de traballo no que analizaron o papel clave que están a desempeñar os concellos e as deputacións na prestación de servizos fundamentais
26/05/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, mantén un encontro institucional co presidente do Senado, Pedro Rollán, que recibiu este martes ao mandatario provincial no seu despacho da Cámara territorial. Os dirixentes abordaron neste encontro de traballo cuestións relacionadas coas realidades e os retos de futuro que afectan ás administracións territoriais e ás entidades locais do país.
Despois de completar un percorrido polo inmoble da Cámara alta, ambos os dous dirixentes mantiveron unha reunión no despacho presidencial no que compartiron reflexións sobre o modelo territorial e a necesidade de mellorar o sistema de financiamento para minimizar os desequilibrios rexionais e repartir a riqueza do xeito máis xusto posible.
Con este encontro, o presidente da Deputación pecha unha serie de xornadas de traballo institucional centrado no futuro do municipalismo que o levou tamén a Valencia, onde participou o pasado luns na Comisión de Deputacións Provinciais, Cabildos e Consellos insulares na que se puxo o foco na necesidade de mellorar o sistema de financiamento local, así como nas dificultades económicas que atravesan os concellos e as deputacións, administracións que, ao ser as máis próximas ao cidadán, están a xogar un papel clave e asumir unha maior carga na prestación de servizos fundamentais.
