Luis López reforza a alianza da Deputación co sector da construción, motores económicos, de emprego e de transformación para a provincia

O presidente provincial participou este martes nun almorzo con representantes deste gremio para presentarlles o plan de investimentos do Goberno provincial e recoñecer a importancia do sector para o avance da provincia

12/03/2024

Luis López reforza a alianza da Deputación co sector da construción

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou este martes a importancia do sector da construción para a transformación e modernización da provincia nun almorzo cos representantes das empresas deste sector que tivo lugar na sede da Confederación de Empresarios en Vigo. O mandatario provincial salientou tamén o peso deste gremio na economía de Pontevedra e a colaboración coa Deputación para executar os seus plans de investimento. “O noso lema é que tendemos pontes e o sector da construción é clave para tender pontes nos 61 concellos da provincia”, afirmou Luis López.

Acompañado pola deputada e polo deputado encargados de Infraestruturas e Asistencia aos Concellos, Isabel Couselo e Jesús Vázquez Almuíña, o presidente provincial prestoulle especial atención á análise do empresariado sobre a situación do sector e das súas necesidades e expectativas de futuro. “É importante que se nos escoite, pero máis importante é escoitar”, puntualizou Luis López antes do inicio dunha reunión na que tendeu a man da Deputación para cooperar co sector na execución de proxectos transformadores para a provincia.

Neste sentido, o dirixente da Deputación repasou os plans de investimento que o Goberno desta institución ten en marcha para este ano e para cuxa execución o sector da construción xoga un papel fundamental. “En só sete meses a estabilidade política e o compromiso municipalista deste Goberno provincial deu resultados tanxibles. Amosamos ter un importante impulso investidor na provincia a través de plans e paquetes de gasto que chegaron e seguen chegando coma unha choiva miúda e constante a boa parte dos recunchos de Pontevedra”, sinalou López, e fixo referencia a programas coma o “PON2030”, o Plan extraordinario de infraestruturas deportivas, o +Aqua ou o Plan de acción comunitaria. Ao mesmo tempo, recordou que o Servizo de Infraestruturas ten comprometidos preto de 4 millóns de euros en obras, dos que 2,7 millóns xa están en execución.

Mención aparte mereceu o Plan +Provincia, o plan de obras e servizos da Deputación máis ambicioso da súa historia, dotado con 48,2 millóns de euros, e que, por primeira vez, ten en conta o reto demográfico para un reparto de fondos máis xusto. “Só nestes algo máis de tres meses, activamos xa 9,5 millóns de euros deste Plan +Provincia, coa conseguinte inxección de actividade que ten para o sector da construción”, subliñou o presidente.

Investimentos en Vigo

O mandatario provincial tamén quixo reiterar o compromiso da Deputación coa execución de proxectos beneficiosos e de interese para a cidade de Vigo. “O que é bo para esta cidade, é bo para a Deputación e para toda a provincia”, recoñeceu Luis López despois de recordar o mantemento dun convenio de colaboración específico de 5 millóns de euros, a vontade firme de manter a colaboración e lealdade co Goberno local e a petición de facilidades para executar investimentos, coma o previsto para a bancada de Gol de Balaídos, o apoio á candidatura de Vigo para o Mundial de 2030 ou a colaboración para reabrir o Cine Fraga; e tamén destacou: “Pode haber máis proxectos, claro que si. As nosas portas están abertas para recibir as propostas do Concello”.

“A construción é un motor económico, unha fonte de emprego e riqueza e un vector de transformación ambiental e territorial imprescindible para a provincia”, asegurou tamén Luis López antes de agradecer a invitación do sector e reafirmar o compromiso da Deputación para contar co tecido empresarial para facer que a provincia vaia a máis.

Galerias de imaxes