Luis López remarca o cometido compartido entre o sector do transporte de persoas viaxeiras por estrada e a Deputación para vertebrar a provincia na inauguración de ExpoBus Iberia en Silleda

O presidente provincial participou no acto inaugural dunha feira que analizará, entre o 16 e o 18 de novembro, as innovacións, tendencias e retos de futuro deste sector

16/11/2023

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, remarcou este xoves o obxectivo común que o organismo provincial comparte co sector do transporte de persoas viaxeiras por estrada, que é o de “vertebrar territorios, conectar cidades ou aldeas e tender pontes para unir a cidadáns que cada día se relacionan entre si”. Fíxoo no acto inaugural da terceira edición de ExpoBus Iberia, a feira do transporte de viaxeiros por estrada, que entre o 16 e o 18 de novembro se desenvolve en Silleda.

Acompañado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o mandatario provincial fixo fincapé na importancia deste tipo de eventos para coñecer “os últimos avances no sector, as súas necesidades e retos de futuro, establecer espazos comúns para o diálogo que permitan avanzar neste servizo esencial e, ao fin e ao cabo, para demostrar que temos un sector competitivo e sólido do que gozan milleiros de usuarios cada día”.

Neste sentido, o presidente da Deputación destacou tamén o compromiso do seu Goberno co mantemento e a mellora da seguridade dos máis de 1.600 quilómetros de estradas que son de titularidade provincial. “Unha rede que esixe un compromiso e esforzo diario para que sigan sendo seguras”, declarou antes de citar actuacións recentes para atender incidencias provocadas polos temporais en Mondariz ou Pontevedra. “Pero non só nos preocupamos de resolver incidencias puntuais. Temos un proxecto para transformar as estradas, tanto en ámbitos urbanos coma periurbanos cuns estándares de calidade que lle dan prioridade á seguridade viaria e á mobilidade peonil”, subliñou.

Uns niveis de calidade que se basean en catro criterios: “O mantemento e limpeza das vías, a adecuación dos límites de velocidade para que lles sexan favorables aos peóns, a modificación de trazados para reducir a súa perigosidade e, como Deputación municipalista, o traballo man a man cos concellos no eido das infraestruturas”. Uns principios que levan tamén a apoiar iniciativas urxentes, “e por riba de cores políticas”, coma o Pacto de Pedre “para que a N-541 deixe de ser fonte de malas novas”.

“Nesa viaxe cara a un transporte de futuro, pido que saquedes billete para a Deputación. Estaremos encantados de facer xuntos ese traxecto”, concluíu Luis López.

Galerias de imaxes