Luis López destaca o investimento conxunto da Deputación e o Concello de 900.000 euros para a reforma do viario do recinto feiral de Silleda

O presidente do Goberno provincial realizou este martes a súa primeira visita institucional a Silleda para asinar un convenio enmarcado no programa “PON2030” co alcalde Manuel Cuíña

19/12/2023

reforma do recinto feiral de silleda

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, visitou este martes o Concello de Silleda para asinar co alcalde Manuel Cuíña un convenio de colaboración enmarcado no “Programa provincial de infraestruturas e dotacións singulares para a execución da Axenda 2030 (PON2030)” a través do cal o Goberno provincial financiará con máis 760.000 euros, o 85 % do Orzamento, o proxecto a mellora da mobilidade peonil e rexeneración urbana da avenida Recinto Feiral e a rúa Arturo Pérez Lázara. O Concello, pola súa banda, achega o 15 % restante, uns 134.000 euros. Despois de asinar o acordo, o mandatario provincial sinalou que se trata dunha nova mostra de cooperación entre administracións para transformar o espazo urbano e adaptalo aos novos tempos, fomentando a mobilidade peonil e reducindo o uso do transporte individual coa intención de protexer o medio ambiente.

O proxecto, valorado en case 900.000 euros, céntrase na reforma urbana do conxunto formado polas rúas Recinto Ferial, Arturo Pérez Lázara, Semana Verde, M e o viario do recinto da Semana Verde. Neste ámbito, os obxectivos da intervención pasan por fomentar a mobilidade peonil, reducir e calmar o tráfico, reordenar o estacionamento, mellorar a seguridade viaria e mellorar a imaxe desta zona urbana con novo mobiliario e elementos vexetais. En concreto, a obra contempla a implantación dunha plataforma única en todas as rúas cun pavimento de materiais e cores diferenciadas para delimitar as zonas destinadas ao tráfico, o aparcamento e as beirarrúas. Ao mesmo tempo, a actuación completarase coa instalación de nova sinalización, plantación de árbores e plantas ornamentais, instalación de bancos, marquesiñas, papeleiras e varandas.

Segundo recolle o convenio, o proxecto deberá estar executado antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre Deputación e Concello de Silleda realízase coa modificación das bases do programa “PON2030” xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo Goberno provincial se vexa reducido.

A visita deste martes de Luis López ao Concello de Silleda constitúe a primeira visita institucional que realiza como presidente da Deputación. Unha reunión que serviu para referendar o carácter municipalista do Goberno provincial ao apoiar proxectos transformadores promovidos, neste caso, polo Goberno local de Silleda.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.