Luis López sinala o talento das e dos deportistas e o modelo de traballo da Federación como chaves do éxito internacional do piragüismo pontevedrés

O presidente provincial e a vicepresidenta, Luisa Sánchez, asistiron este xoves ao adestramento das padeeiras e padeeiros do equipo nacional que preparan no complexo deportivo David Cal de Verducido a súa clasificación para os Xogos Olímpicos de París

04/04/2024

Luis López no Pontillón

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e a vicepresidenta, Luisa Sánchez, amosaronlles o seu respaldo ás padeeiras e padeeiros da provincia e do resto de España que preparan estes días no complexo deportivo David Cal de Verducido o seu asalto aos Xogos Olímpicos de París. Antes do comezo do adestramento, o mandatario provincial saudou a todas as persoas integrantes do equipo nacional de caiac feminino e canoa masculina, felicitounos polo seu traballo e polos éxitos internacionais que levan conseguidos ao longo da presente e das últimas tempadas e desexoulles sorte para o selectivo nacional, que terá lugar no Pontillón do Castro a vindeira semana, no que se repartirán as prazas para a cita olímpica deste verán na capital francesa.

Durante o encontro, o presidente puxo en valor o talento e os resultados que o piragüismo pontevedrés leva conseguindo durante os últimos anos. Unha mostra deste extraordinario nivel, sinalou López, exhibiuse no derradeiro mundial que tivo lugar o pasado ano en Alemaña, no que as e os deportistas pontevedreses conseguiron sete medallas, un botín que situaría o piragüismo pontevedrés no terceiro banzo do podio, igualados con China. A provincia de Pontevedra é unha potencia neste deporte e o dirixente da Deputación coñece as chaves deste éxito, que están no talento e capacidade de traballo das e dos deportistas, no labor das adestradoras e dos adestradores, no modelo de traballo implantado pola Federación e na ampla base do alto número de clubs que existe na costa de toda a provincia.

López e Sánchez compartiron uns minutos con padeeiras e padeeiros pontevedreses do nivel de Teresa Portela, quen vai camiño da súa sétima participación nuns xogos olímpicos. A todos lles deron ánimos e lles desexaron sorte para poder clasificarse para os vindeiros xogos. “Estamos máis que orgullosos de vós”, afirmaron.

Despois, o presidente da Deputación, xunto coa vicepresidenta e responsable de deportes, mantivo unha reunión de traballo cos dirixentes da Federación Galega de Piragüismo, encabezados polo presidente, Alfredo Bea, na que coñeceron os proxectos que o ente federativo ten en marcha e amosaron a vontade da Deputación de colaborar en todo o que sexa posible para seguir impulsando o deporte no conxunto da provincia. 

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.