Luis López expresa o apoio da Deputación a que o vindeiro marco de fondos europeos reduza a burocracia e conserve a xestión directa das rexións e entidades locais
O mandatario provincial, acompañado polo deputado Javier Tourís, pide “non dar pasos atrás” nun asunto “crucial” para que os concellos e as deputacións sigan a ter poder de decisión á hora de obter e administrar os recursos comunitarios
15/05/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, expresou este xoves o apoio da Deputación a que o vindeiro Marco Financeiro Plurianual da UE 2028-20234 reduza a burocracia e conserve a actual marxe de xestión directa das rexións e as entidades locais. Nun encontro mantido con eurodeputados membros da Comisión de Desenvolvemento Rexional (REGi) no Parlamento Europeo, e ante a inminente proposta da Comisión de esquema de reparto do novo marco, o dirixente pontevedrés tendeu a man do organismo provincial para colaborar en todo o que sexa posible para que as rexións e as entidades poidan conservar un papel directo na xestión e administración os recursos da UE, tendo en conta casos de éxito como a da Deputación, que ten en marcha 40 proxectos financiados con fondos da Unión.
No encontro, no que tamén estivo presente o deputado de Fondos Europeos Javier Tourís, os eurodeputados trasladaron ao presidente o risco que supón este xiro con respecto ao actual modelo de xestión dos recursos comunitarios. No novo esquema, que se está a debater estas últimas semanas en Bruxelas, serían os estados membros os principais encargados de administrar os recursos da Unión, un sistema que implicaría unha maior burocracia, a posibilidade de perda de oportunidades para as entidades locais e un maior centralismo e diminución da autonomía das rexións e das entidades locais, seguindo o modelo dos fondos de recuperación NextGeneration, cuxa xestión, sinalou López, "non foi todo o áxil que debía ter sido". "Aínda que se xogue a partida en Bruxelas, estamos ante un debate crucial para a provincia. Non podemos permitirnos dar pasos atrás no modelo de xestión de fondos europeos que tan ben ten funcionado para a provincia nas últimas décadas", reflexionou o presidente.
O presidente Luis López amosou a súa preocupación ante esta posibilidade e segue con atención a evolución dun debate no que reivindicou, ante os eurodeputados Adrián Vázquez Lázara, Francisco Millán Món, Elena Nevado, Maravillas Abadía e Isabel Benjumea; que os concellos e as administracións locais sigan a ter poder de decisión na obtención e xestión dos fondos europeos. Unha postura que encaixa coa vocación municipalista que rexe a acción de goberno da Deputación desde a toma de posesión de Luis López como presidente hai case dous anos.
Padroado da Fundación Galicia Europa
Despois de asistir ao pleno do Comité das Rexións no parlamento Europeo, o presidente Luis López ultimou a entrada da Deputación de Pontevedra no padroado da Fundación Galicia Europa nun encontro con Ana Ramos, a directora da oficina desta entidade en Bruxelas desde o ano 1999. No encontro, ambos os dirixentes abordaron iniciativas da FGE para mellorar a captación de fondos comunitarios a través de iniciativas como TecEuropa, entre outras. Así mesmo o presidente trasladou o interese da Deputación por reforzar a captación de fondos europeos e tecer alianzas coa Fundación para obter recursos útiles para provincia.
De igual xeito, López interesouse polas oportunidades para desenvolver o turismo sustentable a través de redes europeas como NecsTour, aliñadas cos obxectivos de Estratexia provincial Rías Baixas - Turismo 61, e outras encamiñadas a mellorar as oportunidades para o deporte e a mocidade da provincia, que xa se están a explorar a través de iniciativas como Erasmus+.
Esta inscrición ao padroado da Fundación, que contaba so con catro entidades adheridas coma as deputacións de Lugo e Coruña o Consorcio Zona Franca de Vigo e a Axencia Galega de Innovación, ten como obxectivo fortalecer o peso institucional de Galicia en Europa, defender os seus intereses e fomentar as actividades económicas, sociais e produtivas da rexión a través de actividades como asesoramento para a captación de fondos, achegar coñecemento sobre a realidade europea ou a participación en proxectos comunitarios.
