Luis López anima aos participantes dos campamentos da Deputación na Lanzada a descubrir todos os tesouros que agochan as Rías Baixas

O presidente provincial visita o Centro de Vacacións de San Vicente no que 140 nenas e nenos de 37 concellos desfrutan dunha semana de actividades lúdicas e culturais no marco dun programa do que se beneficiarán 1.540 menores de 7 a 13 anos ata o 6 de setembro

09/07/2025

Luis López visita os Campamentos da Lanzada

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, visitou este mércores o Centro de Vacacións da Lanzada onde se están celebrando os campamentos infantís de verán que organiza cada ano o organismo provincial. O dirixente, acompañado polo deputado responsable do Servizo de Xuventude, Jorge Cubela, saudou aos 140 nenas e nenos que desfrutan desde este domingo duns campamentos que, en quendas dunha semana de duración, se prolongarán ata o 6 de setembro e nos que participarán un total de 1.540 menores de 7 a 13 anos de idade. "Estou seguro de que esta vai ser unha semana inesquecible e que cando alguén vos pregunte por un tesouro das Rías Baixas, lle digades que hai un no Grove, na praia da Lanzada, no Centro Vacacional da Deputación", díxolle o presidente aos participantes, aos que preguntou polas xoias ocultos da provincia que coñecían.

Despois de percorrer as instalacións deste centro que xestiona a Deputación e coñecer aos monitores e participantes, Luis López conversou coa cativada, interesouse polas actividades previstas para toda a semana e mesmo o sorprenderon cunha actuación que prepararon con motivo desta visita.

Nesta quenda, son 140 as nenas e nenos de 37 concellos da provincia os que están a participar en diversas actividades como unha excursión á illa de Ons, saídas polo espazo natural da contorna deste centro ubicado en San Vicente, así como de actividades musicais, deportivas ou teatrais ademais de infinidade de xogos co obxectivo de gozar do verán ao tempo que fomentan valores como o respecto, a igualdade, a tolerancia ou o coidado do medio ambiente.

Ata o 6 de setembro serán un total de 1.540 nenas e nenos os que pasen por este Centro de Vacacións. Unha cifra que demostra a aceptación e o interese que espertan estes campamentos entre as familias da provincia.

Enlaces de interés

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.