Luis López anuncia o inicio da contratación das obras na estrada que conecta Mos con Puxeiros por millón e medio de euros
A Deputación dotará de espazos para o tránsito peonil nun tramo de 1,3 quilómetros á altura de Dornelas e Torroso, ao tratarse dun treito urbano e moi concorrido
24/04/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres que a Xunta de Goberno acaba de aprobar o expediente de contratación das obras que acometerá a institución provincial na estrada que une Mos con Puxeiros (EP-2601) para mellorar a súa seguridade e a mobilidade peonil. O presidente lembrou que os traballos contan cun orzamento de millón e medio de euros financiados ao 80% pola Deputación, cun investimento de 1,2 millóns de euros, completados co 20% que achega o Concello de Mos.
O obxectivo deste proxecto é mellorar as características da estrada, así como as condicións de seguridade e mobilidade para peóns e vehículos á altura de Dornelas e Torroso, atendendo a que se trata dun treito urbano e unha zona moi concorrida, polo que precisa de espazos para o tránsito peonil seguro. Neste sentido, crearase un itinerario peonil de 1.350 metros de lonxitude mediante unha senda de 2,5 metros de ancho na marxe esquerda da vía.
Tamén se procederá ao reforzo do firme no treito da actuación (mediante o fresado e a reposición da capa de rodadura), á renovación das redes de drenaxe (que terá que ser adaptada á nova aliñación da vía) e de alumeado público (soterramento incluído), así como á canalización dos servizos de electricidade e telecomunicacións, á execución de elementos físicos de calmado de tráfico, á colocación de mobiliario urbano (bancos, separadores, bolardos e barreiras) e á reinstalación de toda a sinalización horizontal e vertical. O prazo de execución previsto é de dez meses.
