Luis López anuncia a concesión de 1,8 millóns de € para apoiar a creación de 133 postos de traballo en dez concellos da provincia

O presidente da Deputación informou do visto bo a estas novas achegas do Plan +Provincia, que reforzarán os servizos municipais de Crecente, A Estrada, Marín, Ponte Caldelas, O Porriño, Portas, Redondela, Silleda, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa

27/02/2026

Luis López anuncia a concesión de 1,8 millóns de € para apoiar a creación de 133 postos de traballo en dez concellos da provincia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou este venres da aprobación na Xunta de Goberno provincial de novas achegas por valor de 1,8 millóns de € no marco da liña 3 do Plan +Provincia 2026-2027 coas que se impulsará a creación de 133 postos de traballo nos concellos de Crecente, A Estrada, Marín, Ponte Caldelas, O Porriño, Portas, Redondela, Silleda, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa. Grazas a estes recursos, estes dez concellos poderán reforzar os seus servizos municipais coa incorporación de persoal temporal de diferentes perfís.

Portas recibirá 84.000 € para impulsar 6 contratacións: dous limpadores, dous condutores, un varredor-peón de limpeza e un peón. Pola súa banda, Crecente recibirá 97.000 € para 7 contratacións: un condutor de camión xeral, un condutor de maquinaria pesada, tres peóns de obras e un auxiliar administrativo. Tamén se aprobaron 124.000 € para contratar 7 traballadores en Silleda: un varredor, cinco operarios e un condutor de camión. Para Ponte Caldelas aprobouse unha partida de 127.000 € coa que realizará 18 contratacións: dous traballadores de hortas, invernadoiros, viveiros e xardíns, catro operarios de mantemento de rede de sumidoiros e 12 traballadores en conservación de parques. Tamén se aprobaron 159.000 € para que Marín realice 14 contratacións: 11 peóns de obras públicas, dous conserxes e un auxiliar administrativo.

Vilanova de Arousa recibirá 167.000 € para contratar 9 traballadores: un albanel, un chofer-tractorista, un xornalista e 5 peóns de obras públicas. Cos 220.000 € aprobados ao concello do Porriño realizaranse 15 contratacións: un oficial de 1ª carpintería, tres oficiais de 1ª albanel, dous oficiais de 1ª palista, un peón de obras, sete peóns forestais e un auxiliar administrativo. Redondela realizará 11 contratacións cunha achega de 248.000 €: seis peóns, dous axudantes de electricidade e tres guías turísticos. Cos 253.000 € que recibe A Estrada contrataranse 13 traballadores: un conserxe, un auxiliar de biblioteca, dous electricistas-axudantes, cinco albaneis e catro peóns forestais. Por último, Vilagarcía de Arousa recibirá 294.000 € para impulsar 33 contratacións: 12 peóns axudantes albaneis, un peón fontaneiro, seis peóns pintores ou empapeladores, dous peóns instaladores electricistas, oito peóns forestais e de conservación de parques, un operador de retroescavadora, dous axudantes mantedores de instalacións deportivas e un peón laceiro.

O presidente Luis López destacou que “seguimos sumando recursos dentro destes 85 millóns de euros dos que está dotado o +Provincia 2026-2027, o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación”.